Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Outubro, 2012

Fingir - Colectivo 96º

Un momento de "Fingir" Como un sopro de aire fresco. Así entran no FIOT as propostas do OTNI para alixeirar un pouco o peso das funcións de sala e lembrar que ás veces o teatro non é máis que unha maleta da que ir tirando cousas para facer voar a imaxinación. Lidia González e David Franch (Colectivo 96º) ofreceron en preto dunha hora de espectáculo unha nova visión da creación teatral a través da súa forza expresiva e coa simple axuda duns poucos carteis e a complicidade dun público que xogaba a non estar presente. Moito humor e moito bo facer nunha proposta núa, de contacto directo, de sensacións compartidas. Un dragón ao que vencer, un par de historias, unha continua fractura das convencións teatrais máis habituais e unha total compenetración entre os dous actores enriba do escenario conseguen atrapar a atención de principio a fin. Resulta moi agradable estar sentado na butaca e descoñecer de verdade por completo o que vai suceder a continuación, deixarse levar sen máis

Viaxe a nigunha parte - Sarabela Teatro

Un momento da representación Ritmo, ritmo, ritmo, ritmo, ritmo. Todos os actores, directores e autores de teatro deberían levar tatuado no maxín esta verba, da que depende que un espectáculo sexa exitoso ou non, que toque a excelencia ou se quede a medio camiño.  Ritmo, ritmo, ritmo, ritmo, ritmo.  Non me cansarei de repetilo, xa que parece que a maioría das compañías deste FIOT estragan as súas propostas a base de descoidar o "abc" do teatro, o motor, o pulo que debe ter calquera proposta enriba dun escenario.  Ritmo, ritmo, ritmo, ritmo, ritmo. A súa ausencia ou o seu descoido desmerecen -ás veces como único motivo-  nada menos que case a metade das funcións do FIOT:  "O método", "El montaplatos", "Acto cultural" e tamén, por fin, a "Viaxe a ningunha parte" de Sarabela Teatro.  Ritmo, ritmo, ritmo, ritmo, ritmo. Un berro que se transforma nun rogo, como unha súplica, coa esperanza de que alguén escoite. Quizabes Carmen Machi deber

Acto cultural - Grupo actoral 80

Un momento da representación Cando diante duns actores e actrices enérxicos, cun público que ri de cando en cando e que incluso colabora con boa vontade nun acto teatral, un acaba mirando repetidas veces o reloxo, só podemos concluír que algo falla. E, lamentablemente, iso é o que lle ocorreu a quen subscribe durante a esforzada actuación que Grupo Actoral 80 fixo de "Acto cultural" unha das propostas máis coñecidas do célebre autor venezolano José Ignacio Cabrujas, que visita o FIOT 2012 para imbuílo dunha pátina internacional. Suponse que a divertida representación por parte da xunta directiva da Sociedade Louis Pasteur de San Rafael del Ejido do drama   "Colón Cristóbal, el genovés alucinado" é unha excusa para amosar as debilidades, miserias, arelas, tristuras e relacións dos propios membros desa xunta directiva, enterrados sen remisión en San Rafael, condenados a vivir inmutables, atrapados nos seus propios pecados e erros, nunha especie de   interminable 

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de

Juicio a una zorra - Kamikaze Producciones

Un momento da representación Brava, bravísima!!! Érgome da butaca para aplaudir a rabiar a Carmen Machi, unha actriz que, grazas a Miguel del Arco, a un texto marabilloso e ao seu propio xenio tamén conseguiu poñer en pé a boa parte do auditorio do Pazo da Cultura. Nun FIOT até o de agora algo descafeinado, con algunhas propostas frustrantes, como "El Montaplatos", e outras boas -Tantakka, Teatro do Morcego- pero que non chegan a este nivel, Carmen Machi irrompe como unha catarse redentora, como un tsunami interpretativo, como unha Helena de Troya irónica, namorada, sumisa, sublime, reivindicativa, sarcástica, ebria, colérica, forte e feble: fantástica. Del Arco mantén a liña aberta con "La violacion de Lucrecia", brillamentemente levada á escena por Nuria Espert no FIOT 2011, apostando de novo polo intimismo e deixando renda solta ao talento das divas, que enchen o escenario a pracer. Un atrezzo sinxelo pero efectista, unha música axeitada e sutil -excepto no d

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s

El Montaplatos - Animalario Teatro

Imaxe promocional de "El Montaplatos" Difícil labor o de xulgar unha proposta dunha magnífica compañía teatral, Animalario, -responsable de propostas como a aclamadísima "Urtain"- cun texto adaptado nada menos que dun Premio Nobel, Harold Pinter, e cun actor cunha longuísima traxectoria en teatro e televisión, Guillermo Toledo. Porén, "El Montaplatos" deixa un sabor agridoce, un aire de insatisfacción, de climax interruptus  que permanece, a pesares da orixinalidade da historia e da claustrofóbica posta en escena inicial, que a través de pingas de auga, bolsas de lixo, sons dunha maquinaria oculta e escuridade afunde ao espectador dende os prolegómenos nun espazo onírico e irreal, nun pozo negro no que calquera cousa semella posible. Ata tal punto pode pasar calquera cousa que nos atopamos con dous sicarios que por momentos lembran a "Pulp Fiction" (Quentin Tarantino, 1994), describindo asasinatos con detalle -regodeándose morbidamente na bra

Decamerón, historias para tempos ruíns - Cándido Pazó

Cartel promocional do espectáculo Con cada espectáculo que presenta, Cándido Pazó confírmase como un dos mellores contadores de historias de Galicia. Despois da intensidade das "Memorias das 'Memorias dun neno labrego'", cambia radicalmente de fábula, pero mantén as mesmas formas para seguir engaiolando ao público. O seu dominio do espazo escénico, a súa complicidade co espectador, o seu nervio e a súa capacidade para transformarse nuns momentos fan que as súas propostas sempre conten cun especial atractivo. "Decamerón, historias para tempos ruíns", inspirada na obra de Giovanni Boccaccio, non ía ser menos. E acadou un cheo absoluto na primeira proposta do ciclo OTNI deste FIOT 2012. Nunha escolma dalgúns dos máis de cen contos que compoñen o libro do italiano, Pazó viaxa no tempo, somerxe ao espectador noutras épocas e ao mesmo tempo actualiza uns textos moito máis próximos aos nosos tempos do que podería semellar. Cun vestiario impecable e sobrio, ao i

En alta mar - La Machina Teatro

Un momento da representación Sutil, moi sutil e arriscada foi a proposta que La Machina Teatro presentou no Pazo da Cultura de Carballo. Tan sutil e arriscada que "En alta mar" supuxo que varios espectadores abandonaran a representación a medio camiño e que os aplausos finais, nun auditorio caracterizado polas súas xenerosas ovacións, foran moito máis febles do habitual. E aquí ábrese o debate que sempre xira arredor do teatro. Porque o espectáculo derrocha ironía, orixinalidade e vixencia -a pesares de que o autor, o polaco Slawomir Mrozek, escribiu o texto en 1961- e os actores realizan estupendas actuacións, especialmente Patricia Cercas. Pero, evidentemente, non conectaron co público en case ningún momento. Polo tanto, debe considerarse un espectáculo fallido? Probablemente si, aínda que as historias máis difíciles e que requiren un maior esforzo por parte do auditorio soen ser tamén as que agochan unha maior recompensa. Mrozek ataca sin piedade a democracia, a dictad

O método Gronhölm - Talía Teatro

Imaxe promocional de "O método Gronhölm" As estreas poden ser un agasallo envelenado.  A favor: a primeira función soe atraer a un público fiel e a moita xente invitada pola compañía, predisposta a mirar con bos ollos a proposta, a aplaudir e a xogar a favor do espectáculo. En contra: aínda falta rodaxe, complicidade e dominio do texto, das situacións e do ritmo da peza. Pero incluso tendo en conta os factores en contra, a segunda función do FIOT 2012, "O método Gronhölm" -levada ao Pazo da Cultura por Talía Teatro- non deixa de quedarse en boas intencións, sen render a xusta homenaxe a un texto xenial, cheo de mordacidade, ironía, risas, emoción, tensión dramática e sorpresas. Todos estes elementos adivíñanse,  grazas ao gran texto de Jordi Galcerán. Pero o público non chega a percibilos nin chega a entrar de cheo por completo, perdendo impacto incluso os sorprendentes xiros de guión, que están aí, pero que non explotan o suficiente. Suponse que "O método&

Contra el viento del norte - Tantakka Teatroa

Un momento da representación Expectación entre os fioteiros no comezo dos espectáculos de sala dunha nova edición do Outono de Teatro, a XXI, a da definitiva maioría de idade. As primeiras colas, os primeiros saúdos dos máis incondicionais, e unha boa función inaugural caracterizada por unha sólida aposta actoral e unha fantástica escenografía. Tantakka Teatroa recibiu o Premio do Público 2006 diante dun auditorio casi cheo, superando o obstáculo do sempiterno Barça-Madrid. E xusto despois a compañía vasca abriu o pano do FIOT 2012, neste caso de xeito literal. A escenografía impacta desde o primeiro momento, por sinxela, orixinal e axeitada a unha historia centrada no novo sistema de comunicación universal: Internet. Imaxes, música, mobiliario e teas conforman un universo único "unha burbulla propia", na que os protagonistas viven durante máis dun ano. Falando, soñando, pelexando, amando, odiando. Un mundo irreal pero que para Emmi e Leo é máis real que a súa propia