Saltar ao contido principal

O método Gronhölm - Talía Teatro

Imaxe promocional de "O método Gronhölm"
As estreas poden ser un agasallo envelenado.  A favor: a primeira función soe atraer a un público fiel e a moita xente invitada pola compañía, predisposta a mirar con bos ollos a proposta, a aplaudir e a xogar a favor do espectáculo. En contra: aínda falta rodaxe, complicidade e dominio do texto, das situacións e do ritmo da peza. Pero incluso tendo en conta os factores en contra, a segunda función do FIOT 2012, "O método Gronhölm" -levada ao Pazo da Cultura por Talía Teatro- non deixa de quedarse en boas intencións, sen render a xusta homenaxe a un texto xenial, cheo de mordacidade, ironía, risas, emoción, tensión dramática e sorpresas. Todos estes elementos adivíñanse,  grazas ao gran texto de Jordi Galcerán. Pero o público non chega a percibilos nin chega a entrar de cheo por completo, perdendo impacto incluso os sorprendentes xiros de guión, que están aí, pero que non explotan o suficiente. Suponse que "O método" liga situacións cómicas e dramáticas mantendo ao espectador na mesma ruleta rusa que os catro aspirantes a un posto de alto executivo nunha próspera multinacional. Pero a ruleta rusa é ficticia. Mentres que os momentos máis lixeiros poden encaixar, chegando a espertar as risas do público, cando o libreto torna ao serio non hai emoción, non hai empatía, non hai unha actuación crible. A tensión dramática non ten solución de continuidade, e os momentos más importantes, aqueles que farían que unha simple comedia con pretensións tivese a capacidade de converterse nunha proposta de profunda crítica social -como sen dúbida é a intención de Galcerán- fracasan. O estatismo tampouco contribúe a alixeirar a peza. Mentres un personaxe fala, a miúdo os outros tres convértense en meras figuras, nun hieratismo probablemente buscado polo director, pero que contribúe á lentitude e á falta de ritmo. E outra das eivas que arrastra "O método Gronhölm" é a disparidade actoral. Mentres que Toño Casais está fantástico no papel de "falso" fillo de puta -aínda que por xustiza tamén hai que dicir que é o papel máis atractivo para o espectador- Artur Trillo e María Ordóñez só seguen a súa estela de cando en cando, con algúns momentos intensos, pero intermitentes. E por último, Dani Trillo difumínase nunha das escenas máis intensas da obra, previa ao desenlace, que debería supoñer a conexión definitiva co público, pero que non o consegue. Ademais do texto e da actuación de Casais, no lado positivo da balanza tamén hai que situar a escenografía, cun decorado moderno, impersoal e moi coidado que serve perfectamente ao propósito da obra. E tamén é de supoñer que algunhas das cousas que caen no lado negativo, como o ritmo e a tensión dramática, irán mellorando co paso das funcións. Porén, polo de agora, quizabes o público querería no escenario a catro "fillos de puta" que pareceran bos actores, e non a catro bos actores intentando parecer "fillos de puta".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o   "locus amoenus"   e o   "carpe diem"   abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orient