Un momento da representación |
Aproveita
o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non
esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o "locus amoenus" e o "carpe diem" abala a proposta que os cataláns
Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios
problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes
e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a
"non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do
destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo,
con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais
para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos,
Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando
elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con
outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orientación sexual, o
rexeitamento- para artellar unha proposta que ten varias lecturas e na que imos
atopando capas como nunha cebola. En primeiro lugar temos o tren, esa realidade
insubstancial, esas situacións incómodas que todos temos vivido no transporte
público, ese afastamento existencial tan lóxico e incomprensible ao mesmo
tempo. Algúns intentan salvar o oco e lánzanse a falar, mesmo pelexando contra
imposibles barreiras idiomáticas, para evitar a soidade. Outros prefiren o
illamento e afrontar precisamente en soidade as súas incomodidades; e as súas
arelas. En segundo lugar temos a capa do "locus amoenus", esas
situacións idílicas no bosque, na praia, ou mesmo a través do amor de Winston e
Julia, personaxes literarios probablemente entresacados do universo orwelliano de "1984",
un guiño ao "gran hermano" que todo o observa e que neste caso somos
nós, o público. E a terceira capa sería a conta atrás. Esa morte inminente que
asexa, e que nos teñen que lembrar que está aí, xa que "la sociedad nos
enseña a olvidar que vamos a morir". Con estas ferramentas, Mónica
Almirall, Miquel Segovia e Albert Pérez Hidalgo, constrúen unha proposta
interesante, na que as reflexións chegan ao descoido e con sutileza, con boas
interpretacións e momentos realmente conseguidos, como ese enfrontamento no que
nós, ao igual que as personaxes que están embarcadas nesa viaxe a ningunha
parte, temos que decidir se somos Zidane ou Materazzi. E tamén
asumir que un único momento -xa estea marcado por un cabezazo ou por un coello- pode determinar o
resto das nosas vidas. Porén, "Locus amoenus" tamén carga coa eiva de
non ser quen de emocionar. A frialdade estudada dos recursos que se
empregan contaxia tamén á construcción das personaxes, e aínda que probablemente sexa algo intencionado,
levanta unha barreira que, ao final, resulta difícil de derrubar. Recoñecemos
os méritos do que se nos presenta e os seus obxectivos cuasi filosóficos, pero
non chegan a atravesar por completo as nosas defensas para conmover como se
espera a tenor da formulación inicial. A pesar diso, unha vez máis, gozamos cun
obxecto teatral non identificado pero moi identificable pola súa calidade, e
por ese bo sabor que adoitan deixar nas nosas bocas as propostas do OTNI.
Comentarios
Publicar un comentario