Fran Calvo e Inma Cuevas protagonizan a produción de Kendosan |
"Deus non xoga aos dados". O azar non existe. Ou si? Arredor desta famosísima frase de Albert Einstein xira "Constelaciones", unha proposta teatral na que os intérpretes Fran Calvo e Inma Cuevas deconstrúen unha e outra vez a historia dunha parella, Roland e Marianne, nos seus peores e mellores momentos, nun interesantísimo exercicio de teatro que require un espectador atento para non perder ningún dos matices que se nos ofrecen enriba do escenario. "Sólo somos partículas gobernadas por una serie de leyes muy particulares que se desparraman por todas partes", asegura Marianne, física cuántica, en plena borracheira. "Si todo lo que voy a hacer en mi vida ya existe, ¿qué pinto yo?", afirma o apicultor Roland. Máis aló do vertixe que este tipo de afirmacións existenciais poidan provocar na nosa consciencia, "Constelaciones" amósanos que cada decisión, cada movemento, cada reacción que provocamos nos demais e en nós mesmos determina de forma infinitesimal as consecuencias de todo aquilo que acontece na nosa vida. Reflexiona acerca de como unha única frase pode pronunciarse e percibirse de mil maneiras distintas, desencadeando mil situacións diferentes, en universos paralelos que poden multiplicarse ata o infinito. E só nunha desas constelacións Roland e Marianne son quen de cruzar esas rectas para que deixen de ser paralelas e así namorarse, quererse e perderse. Unha premisa algo mareante que o texto de Nick Payne, a dirección de Fernando Soto e a interpretación dos actores enriba do escenario é quen de ordenar e presentar para darlle a volta a cada escena coma se fose un calcetín. E baixo a falsa aparencia dunha comedia romántica, que esperta risos e sorrisos, tamén descubrimos a parte menos amábel do amor. As infidelidades, o rexeitamento, mesmo a violencia. Todo multiplicado nun calidoscopio no que sempre nos vemos reflectidos, alomenos nunha das súas facianas. No "debe" da obra, está esa escenografía fría, que non arroupa as distintas pezas do puzzle e provoca que en ocasións non cheguen a traspasar. Tamén a aparente falta de finalidade dalgunhas das repeticións, xa que non todas enriquecen a proposta. Porén, no "haber" están os protagonistas, que realizan un alarde de forza interpretativa para poder ofrecer cada unha das sorpresas que agocha o texto, e pelexan duro por conseguilo, cunha mención especial para unha Inma Cuevas cunha expresión arroiadora cando toca e con emoción nas escenas máis dramáticas, demostrando que está á altura do desafío. Ao igual que Fran Calvo, que expresa a través da contención pero con igual solvencia. Nomeadamente cando a realidade máis crúa peta na porta dos protagonistas. Porque non importa cantos universos paralelos existan, a única verdade inmutable presente en todos eles é a morte. Unha morte que nos amosan en vermello co son de miles de laboriosas abellas que teñen a vantaxe de ser conscientes dende o momento do seu nacemento de cal é a súa función e o obxecto concreto da súa existencia, ata que desaparecen. Unha misericordia negada para o ser humano. Encerrados nese atafegante zunzún, chega o momento da separación para Roland e Marianne. Porque a fin da existencia non depende do azar. Tan só é azaroso o momento no que chega, neste caso coas notas do evocador "Pequeño vals" de Marlango. Dá igual cantas veces tiremos os dados, no xogo da ruleta da vida, a casa sempre gaña. Poético final para unha peza cativadora e fermosa.
Comentarios
Publicar un comentario