Un momento da representación |
Previsíbel,
plana, oportunista e chea de clichés semella a revisión que Teatro do Morcego
realiza do panorama político actual. Nada novo achega este
"Presidente", que carece de intensidade, que non morde, que non
calla. Mágoa ter que enumerar a listaxe de eivas presentes nesta proposta. Mais
tentaremos facelo con oficio e sen afondar excesivamente no escarnio. Comezamos
co apartado interpretativo, frouxo. Cunha asistente esaxerada,
prototípica, insubstancial e psicótica. Cun xefe de campaña pasado de voltas,
que non achega ningunha credibilidade. Cuns secundarios esquecibles, incluída
esa presentadora de debate coa que hai tanto afán de sarcasmo que acaba sendo
unha mala caricatura. Balance negativo para todos nun xuízo sumarísimo no que
Celso Parada salva os mobles. Ás veces. Xa que noutras un histrionismo
esaxerado asoballa todo intento de cordura. Seguimos coa escenografía, falta de
imaxinación, de recursos, por momentos cutre, insultando ao espectador
asimilando que todos os fans de Bob Marley son uns "perroflautas" ou
todos os fachas teñen na súa casa mobles decimonónicos. De novo, clichés. E da
peor caste, ou será casta? O único efecto realmente conseguido é esa campaña
electoral na que si adiviñamos un indicio do frenesí, da tolemia, grazas aos
elementos audiovisuais e a ese "Presidente" repartindo promesas
"a la carta" e gratuítas. Aí atopamos momentos que de verdade poden
espertar algún sorriso, pero empatizamos case de forma forzada, como cans de
Paulov que responden a estímulos longamente recibidos, recoñecidos e tamén
esquecidos unha vez saciadas as gañas de rir do respectable, que sente a obriga
de reaccionar ante unha obra que seica era unha comedia delirante. Continuamos
co texto. O único punto de orixinalidade é o xiro inicial, en que de verdade
hai un amago de engano, de xogo co espectador, de complicidade. Boa idea a de
solapar realidade con invención, coma magos ou políticos de salón que sacan
coellos da súa chistera para confundir aos votantes e sacar partido do río
revolto. Breve espellismo nun recurso que se repite para deixar de ser efectivo. As sucesivas comparacións coa realidade son tan
obvias, tan coñecidas e tan superficiais que o acto teatral queda reducido a
unha mera sucesión de gags dos que xa sabemos o desenlace. Ou dos que acabamos
por intuílo, xa que son evidentes os intentos por sacar partido de persoeiros
como Pablo Iglesias, nun bando; e noutro facendo unha mestura de Rajoy, Núñez
Feijóo e Fraga para tirar de simpatías, pero sen poñer de verdade o foco nos
miolos da cuestión, con conformismo nos razoamentos e falta de espírito crítico
para retratar ambos bandos, xa que en realidade non tiramos conclusións de
ningún tipo, cunha comparación que resulta de todo insuficiente nun panorama político no que xa son moito máis que dous. Para máis inri, a falta de ritmo, a artificiosidade e o
aburrimento sobrevoan constantemente as bancadas. Certo é que non foi unha
función fácil e que o elenco amosou moita profesionalidade ao ignorar o
incidente que tivo lugar no patio de butacas e continuar coma se nada, amosando
táboas e bo facer teatral. Pero recoñecer isto non fai máis que sinalar aínda
con máis tristura o feito de que con eses vimbios non foran quen de elaborar
mellor cesto. A última falla da proposta é ese final, que pretende sorprender
pero que adiviñamos de antemán, pero non con satisfacción, senón
case que con desgana. Probablemente, e dada a entusiasta recompensa do público
ao remate, a maioría dos espectadores foron quen de gozar con este
"Presidente". Quen subscribe non foi capaz de facelo, e pido
desculpas. Igual non fun quen de entender a proposta. Igual as expectativas
previas eran demasiado elevadas. Ao mellor, as pequenas faíscas de enxeño
agochadas no texto, con esa ollada cínica e descarnada que loita por saír, non
atoparon o seu camiño pero o farán en próximas funcións, na busca desa
"liberdade da raza humana". Quizais...
Comentarios
Publicar un comentario