Saltar ao contido principal

André y Dorine - Kulunka Teatro

Un momento da representación
Tenro, emocionante, intenso e agridoce. Así pode resumirse o comezo do FIOT 2013, nunha posta de largo cun auditorio ateigado, como vén sendo habitual, neste caso para ver "André y Dorine" de Kulunka Teatro. Os actores Garbiñe Insausti, José Dault e Eduardo Cárcamo compoñen unha historia sinxela, cotiá, que podería pasarlle a calquera, pero que lle pasa a André e Dorine e que, sobre todo, é unha historia de amor incondicional. Sobre o papel pode parecer unha aposta difícil e arriscada, xa que os protagonistas esconden as súas faces baixo unhas máscaras e nin unha palabra é pronunciada na case hora e media de representación. Mais o espectador descobre pouco a pouco que a expresión corporal, a música, os desprazamentos polo escenario e uns cantos obxectos axudan a transcender o feito teatral para transmitir sentimentos, sensacións e historias dun xeito máis efectivo que se os personaxes o estiveran berrando a viva voz xesticulando a súa impotencia, o seu amor ou o seu esmorecemento. As caretas tornan á vida de tal forma que cando cae o pano ao final un se pregunta se de verdade eran antefaces inmutables ou se os actores son quen de facer maxia e manipular esas caras ríxidas para enchelas de expresión. E boa parte da maxia de "André e Dorine" reside na súa capacidade para emocionar. Certo é que o relato, centrado no lento declive de Dorine a causa do alzheimer, axuda a que o espectador se somerxa no estado de ánimo axeitado, pero tampouco é menos certo que o espectáculo alterna a tristura e as gargalladas, afrouxando o lazo cando a angustia semella estar a piques de afogar ao público, evoluíndo cara a un desenlace que, por coñecido, non é menos emotivo. E aínda que a enfermidade está presente constantemente, o que interesa ao final é a vida destas dúas persoas, a súa historia dende que se coñecen, o seu namoramento, a súa voda, a súa experiencia como pais, as súas profesións -violonchelista e escritor-, fundamentais no transcorrer da súa experiencia vital. De feito, outro dos méritos da obra é como a través de pequenas accións poden chegar a transmitirse sentimentos fortes como a impotencia, o enfado, a inocencia, a atracción sexual, a morte, a tristura, a ledicia ou o perenne e omnipresente amor. Mención aparte merecen a máquina de escribir e o arco do violonchelo, tan importantes como os propios actores, converténdose en dous personaxes máis. De feito, Garbiñe Insausti (Dorine) emprega con mestría o seu arco para amosar o progreso da súa enfermidade, que culmina cun baile inesquecible co seu home, no que ela o abraza coma se fose o seu adorado violonchelo, pero tamén como se fose a súa única áncora, o seu único consolo, a súa única esperanza en medio de aquilo que lle pasa, que non entende e que a consume vagariño. Desde ese baile ata o desenlace, o público xa non pode abandonar ese nó que invade as súas gorxas e que para algúns rematou en bágoas. Ao final, unha longa ovación e parte do público posto en pé para agradecer este exercicio de honestidade sobre o escenario, nun comezo do FIOT máis que prometedor.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o   "locus amoenus"   e o   "carpe diem"   abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orient