Saltar ao contido principal

Sé de un lugar - Producciones Prisamata

Cartel promocional de "Sé de un lugar"
En cada edición do OTNI sempre agarda agochada unha pequena xoia. E "Sé de un lugar", de Producciones Prisamata, é sen dúbida o tesouro deste ano, nun ciclo que cada vez semella máis e máis imprescindible no programa do FIOT. Todas as expresións artísticas humanas que pretenden contar unha historia xiran arredor dos mesmos temas, son variacións sobre idénticos leit motiv: a morte, o amor, o diñeiro, o sexo, a enfermidade, a guerra... Por iso mesmo, na maioría das ocasións, a forma semella incluso máis importante que o fondo cando chega o momento de transmitir. Non é tanto o que se conta, mais como se conta. E, en principio, Prisamata pon en xogo unha trama que podería ter todos os ingredientes das comedias románticas ao uso. A saber: home deprimido despois de romper coa súa parella; ex parella que quere converterse na mellor amiga; relación cada vez máis próxima, tóxica e complicada e xiro final inesperado que fai que o mozo e a moza sexan felices para sempre; ou non. Pero o logro de Prisamata é conseguir que todo parecido das a priori sosas premisas anteriores co demostrado enriba do escenario sexa pura coincidencia. Anna Alarcón e Xavi Sáez son quen de acadar que unha historia de amor e desamor, de encontros e desencontros ás veces ao máis puro estilo Woody Allen sexa algo novo e fresco, orixinal, emocionante, tenro, devastador, patético, esperanzador e, por riba de todo, moi real e recoñecible para o espectador. O primeiro que se rompe é o espazo escénico e, aínda que esta táctica tense observado en varios OTNI -tendo quizabes a súa expresión máis radical en "Calla y come" de La Cocina-, neste caso o enorme apartamento no que se converte o espazo teatral cumpre unha dobre función. Por unha banda, crea o ambiente íntimo imprescindible para o desenvolvemento da peza; e por outra desacouga constantemente ao espectador, evitando que se acomode, que se deixe levar e que poña "o piloto automático". E unha vez eliminada a "cuarta parede", as descarnadas interpretacións dos protagonistas son as que fan o resto. Especialmente convincente resulta Anna Alarcón na súa evolución de yonky radical a muller casada pequeno burguesa e namorada doutro home, sempre neurótica e encantadora. Brillantes moitas frases do libreto, que quedan no aire como ao descoido, para ir calando pouco a pouco ao igual que un lento orballo. Moitas delas reflectindo dende o fastío da mocidade actual ata as miserias sociais, pasando pola nefasta situación do gremio dos escritores e creadores ou incluso tocando o drama da inmigración. Polo camiño, constantes interaccións co público, que van dunha mirada cravada, fixa, que paraliza; a movementos e alusións concretas. Incluso introducindo un terceiro personaxe grazas á cordial colaboración dunha espectadora. Pero esta interacción, que noutras ocasións pode parecer gratuíta ou un recurso fácil, en "Sé de un lugar" resulta acaído. Alixeira a peza e semella natural. E despois dun crescendo de tensións entre esta traxicómica parella, que pasa por absurdos como a banda deseñada de "Tuntún" ou unha guerra de chupitos, o marabilloso xiro final libera o desenlace. Un "the end" no que Berenice e Simó se atopan baixo o paraugas común da música de Triana. Porque, tan pouco convencional parella forzosamente tiña que ter como a súa canción, a melodía que comparten todos os amantes, unha mestura de flamenco rock progresivo en lugar de os "Strangers in the night" de toda a vida. E cando esta canción que acaba por denominar a peza se deixa sentir e a emoción entre os dous personaxes sobrevoa a sala, unha luz apagada e un simple clic desatan os aplausos dun público que responde con entusiasmo, desexando penetrar no "lugar" que comparten Beré e Simó, no que "brotan as flores para ti" e no que "construír a nosa casa bañada polo sol". 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o   "locus amoenus"   e o   "carpe diem"   abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orient