Saltar ao contido principal

"Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula" - Cinema Sticado

Cinema Sticado emite un filme en directo con elaborados decorados e figuras de cartón



















"Cinema no vivo, sen audio ou vídeo pregravado". Iso é o que prometen os galegos Xosel Díez e Helena Varela con Cinema Sticado e iso é o que poñen enriba da mesa en "Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula". Non é a primeira vez que propostas similares visitan o OTNI. A formulación da peza lévanos inevitablemente a rescatar dos nosos maxíns a Macarena recuerda Sheperd. Porén, neste caso a aposta polo mundo audiovisual é moito máis pura, sen apenas concesións para a pericia interpretativa máis aló duns cantos diálogos escolleitos e algúns movementos perfectamente coreografiados. E o enfoque afástase tamén moito da lixeireza e da tensión narrativa de Macarena, de tal xeito que dende o comezo borramos inmediatamente os vestixios da proposta anterior para afrontar unha peza moi distinta. No apartado técnico, este striptease é impecable e abraiante, elaborado a través de diminutas filigranas de cartón, pequenas luces, decorados que, grazas a un estudo case milimétrico dos movementos e ao dominio da cámara en man, son quen de levarnos nunha viaxe con paradas, non só literais grazas a un tren persistente, senón tamén figuradas nunha historia que atravesa unha estación, unha manifestación anti sistema, unha idílica piscina ou un club de alterne fantasticamente recreado. Imaxinación e pericia resolven os obstáculos e os retos que xorden do traballo con figuras tan pequenas e a necesidade de recrear varios escenarios a través dun único plano secuencia. A coidada estética tamén resulta moi estimulante, con cores e luces que gardan reminiscencias pop art pero que tamén crean unha atmosfera abafante e sinistra, cun xiro final do figurativo ao conceptual que alixeira a peza e que a achega a un universo máis poético e surrealista. Nada que dicir, por tanto, da aposta visual e das técnicas empregadas, con momentos moi logrados como ese baño na piscina ou ese psicodélico pole dancePorén, si hai un aspecto técnico que constitúe un importante obstáculo para este striptease, e é o son. Sen entrar a discutir a calidade dos efectos, si podemos dicir que, mentres que algúns están moi conseguidos -como ese harmónico que actúa como bucina do tren- en moitos dos casos as secuencias, repetidas ata o infinito, resultan cargantes, pouco acaídas e sen contribuír en absoluto a meternos neste universo humano-avícola. Intuímos que, ao igual que o resto dos elementos que compoñen a proposta, estes efectos están contaxiados dun afán experimental, pero predispoñen ao espectador máis en contra que a favor do relato, sobre todo porque non dan un momento de respiro e, en lugar de crear atmosfera, axudan a desfacer o que con tanto traballo compoñen outras facianas do espectáculo. Por último, deixando a un lado a técnica, a maior eiva deste striptease, o que fai que non chegue, é a tensión dramática, xa que as propostas teatrais, mesmo as do OTNI, non se constrúen unicamente a base de técnica. O que determina que o espectador quede pegado ao asento mantendo o interese, son as historias. E aí é onde encontramos que a proposta non cobre as expectativas. Lentitude, xiros previsibles, falta de ritmo, excesivo detemento para describir unhas escenas, mentres que por outras que poden ser máis transcendentes para o desenvolvemento da trama pasamos case que no bico dos pés. En lugar de atopar unha técnica ao servizo da historia, descubrimos que é a historia a que está ao servizo da técnica. En todo caso, hai que felicitar a Cinema Sticado pola súa ousadía e por tratar de crear un universo propio a través dunha aposta multidisplinar, aínda que quizais, en definitiva, teña máis valor artístico ca teatral.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta