Saltar ao contido principal

"El asno de oro" - Rafael Álvarez "El Brujo"

El asno de oro
"El Brujo" recolleu o Premio do Público 2005
"Asinus sapiens fuit, sed sapientior erit". Traduzo. "O asno foi sabio, pero máis sabio ha ser". Tal foi a sensación que Rafael Álvarez "El Brujo" deixou no auditorio do Pazo da Cultura. Desde o primeiro momento, e como adoita facer, despregou unha lección de humildade, clase, saber estar, dominio escénico, humor, empatía e interpretación que fixo que unha hora e media de Apuleyo non semellase máis de dez minutos. Ben pouco precisa este actor para conquistar ao público, agás un tallo, un traxe branco, un pano vermello no chan e a inestimable axuda de tres músicos e dunha acaída iluminación para captar e manter a atención do respectable. "Castigat ridendo mores". Traduzo. "Emenda os hábitos rindo". E non sei se melloramos os nosos costumes aproveitando a axuda da sátira característica deste xograr cordobés, mais rir, rimos. Non obstante, certo é que o espectáculo deixou na atmosfera un lene aire de insatisfacción. Respirouse a falta de rodaxe da proposta, non só nalgúns atrancos de texto, que sacaron á luz a profesionalidade de Rafael Álvarez, quen de saír de calquera imprevisto con bo oficio e mellor talante; senón tamén nalgúns tropezos musicais, xa que probablemente non todas as correccións realizadas con estudada espontaneidade estaban reflectidas no guión. El mesmo recoñeceu ao remate, cando recolleu o Premio do Público 2005 por "San Francisco, Juglar de Dios", que está xirando con sete monólogos e que este "asno de ouro", por diversos motivos, probablemente non estea aínda no seu mellor momento. Apuntou tamén que quizabes o público non estivo especialmente entoado. Mais non sería xusto achacarlle ao espectador o feito de que este texto latino de Apuleyo fielmente plasmado na súa maioría, moi delirante e divertido, pero tamén un pouco árido, non terminase de callar; ou que, polos motivos que sexa, a temperatura teatral da proposta non estea aínda no seu grao culminante. Porén, "El Brujo" foi quen de sobrepoñerse a todas estas dificultades e saír vitorioso. "Hoc opus, hic labor est". Traduzo. "Aí é onde está a dificultade". Apoiándose na ironía e no sarcasmo, así como nun vertixinoso ritmo e incluso con grande musicalidade, foi quen de repartir labazadas a políticos e economistas, ao mundo da cultura e da televisión, facendo familiar a peza servíndose de nomes que van dende Nuria Espert e Lola Herrera (as dúas xa celebradas no FIOT); de Brad Pitt a Nacho Vidal; de Madonna a Iñaki Urdangarín. E deixando caer de vagar reflexións case que filosóficas como aquela de que "por mucho oro que tenga un asno, siempre será un asno". Aproveitando a cada segundo o seu excepcional talento como contador de historias, cun poder mesmo hipnótico para enfeitizar como frautista de Hamelin, e cravar ao espectador na butaca. Para rematar, e amosando unha vez máis a súa intelixencia, sabendo que ao mellor o público non quedara totalmente satisfeito, regalou unha propina, un bis que de tan ben ligado pareceu improvisado, mais que está entresacado doutro dos seus monólogos. E aí, acompañado por un público xa entregado, esvaeceu calquera dúbida sementada con anterioridade, coñecedor de que un bo final é imprescindible á hora de deixar un bo sabor de boca. Que volva cando queira. "Acta est fabula". Traduzo. "A comedia ten concluído".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta