Saltar ao contido principal

Premio do Público

 "Silencio, por favor"



Antes de que o FIOT anuncie o Premio do Público desta 31 edición do festival, vou ensinar o que sería o premio particular de Rebeca, que non ten valor ningún. Non só porque é unha opinión particularísima dunha persoa calquera, senón tamén porque só dei alcanzado a ver menos da metade das propostas dun festival que xa é un mastodonte que chega a todos os públicos e a todas partes. Pero este ano apetecíame ensinar as miñas votacións, tal e como foron emitidas no momento. Na maioría dos casos non son notas absolutas sobre cada proposta individual, senón en relación ao resto das propostas do mesmo FIOT.  Chegados ao final e mirando atrás, descubro que poucas matizacións faría sobre o votado naquel entón, aínda que si algunha. Subiría 0,5 por aquí, baixaría 0,5 ou 1 por acolá... Pero máis ou menos quedaría como está. En xeral, desfrutei moito, moitísimo e, como a min a valoración de 1 ao 5 non me acae, vou dicir que a miña nota global das propostas do #FIOT31 sería dun 8 sobre 10, un notable alto. Non é unha media sobre o votado, máis ben unha sensación xeral. Igual son tan xenerosa porque hai anos que non vivía o FIOT desta forma, pero... é o que penso e así o escribo. Por suposto, isto refírese en exclusiva ao teatral. Se tivera que darlle nota á organización sería aínda máis alta (a máxima para as voluntarias, si, a aplastante maioría mulleres). Entre outras moitas cousas, ademais, por enfrontarse á suspensión dunha función. Como adoita ocorrer no teatro, ao final todo saíu ben, pero podía ter ido por outro camiño.

Non queda máis que dicir que longa vida ao FIOT! E ao teatro, xa que non está de máis lembrar que hai outras táboas alén dos límites do festival. No mesmo Pazo da Cultura todo o ano, e, indo só un chisco máis lonxe, por toda Galicia e mesmo fóra das súas fronteiras. Por certo: "Silencio", por favor! Deica!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta