Saltar ao contido principal

Recortes, caneos e outras formas de driblar - Centro Dramático Galego e Ainé Producións

 "Fin do partido"


Quen me le de cotío, ou mesmo quen leu nalgunha ocasión algunha das miñas reseñas, críticas, reflexións ou como lle queirades chamar a estas liñas que escribo sobre as pezas do FIOT, pode intuír, ou mesmo saber, que non me gusta ser cortante ou agresiva. Lembro dúas ocasións nas que din renda solta ao meu descontento, pero non vou recordalas agora porque, repito, non me gusta recrearme naquilo que non me agrada. Ben ao contrario, encántame, e mesmo creo que os textos quedan sempre máis redondiños, cando desfruto do que vexo en escena. Por iso, non me apetece nada escribir hoxe unha crítica ao uso. Crédeme cando digo que teño o caderno que adoito levar ao teatro cheíño de comentarios, apreciacións, puntualizacións... Porén,  decidín que non vou relatar nada do que escribín. Só direi que teño moito respecto pola actriz e por todos os actores que estiveron enriba do escenario, folga dicir que tamén por todas as persoas implicadas: Asorey, Carretero, Prieto, Touriñán... Curiosamente este último na peza fai de si mesmo e por iso, desta volta, non o inclúo co resto do elenco. Teño desfrutado de moitos deles noutras ocasións, e por tanto, teño comprobado que son quen de ser excelentes profesionais. Por iso, o que vin no auditorio do Pazo da Cultura sabe peor. Así que, remato xa, roubándolle a idea a un colega teatreiro e, ademais, fioteiro, que me relatou esta anécdota precisamente á saída da función. Agardo que non lle importe. Faloume dunha crítica de teatro en La Codorniz, revista humorística ben coñecida por moitas cousas, desde por ser fundada por un falanxista, ata polas súas enxeñosas formas de burlar a censura franquista, ou mesmo polas lendas urbanas que xiran arredor dela. De feito, non estou certa de que esta historia non sexa unha delas, xa que non atopei documentación ao respecto. Pois ben, contoume que a propósito da estrea dunha obra de Alfonso Paso, o crítico teatral da revista naquel momento publicou única e exclusivamente dúas verbas: "Por que?". Así que eu conclúo dicindo: Por que?

PS.: Nunca fixen ranking das pezas do festival, porque, por norma xeral, non creo nas notas numéricas. Xa intuiredes que non me parece suficiente describir algo só cunha cifra. Pero, como en realidade ao final si que voto, este ano si vou facelo nunha próxima publicación, na que tamén farei unha reflexión global. Será que, despois de tantos anos sen escribir sobre o festival, resístome a dicirlle adeus a este marabilloso #FIOT31.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta