Saltar ao contido principal

Programa do XXV FIOT

Xa que varias persoas teñen expresado con moita amabilidade e indulxencia o seu interese polos meus comentarios sobre as propostas do 25 FIOT, síntome na obriga de aclarar que este ano, por motivos persoais, serame imposible escribir as habituais críticas sobre as funcións do festival, polo menos non coa mesma regularidade. Mesmo non puiden asistir, con moito pesar, a unha delas, como foi o caso de "Solitudes" de Kulunka Teatro. A verdade é que, a pesar de todo, teño a tentación de escribir algunhas verbas sobre as dúas que teño visto, como foron "Ivan off", de La Casa de la Portera, ou ese "Rinconete y Cortadillo" de Sexpeare. Ou de intentar manter, aínda que con retraso, algún breve apuntamento sobre algunha das propostas que aínda quedan por vir. Non teño claro se poderei facelo, porque non creo que sexa quen de elaboralas co tempo e a dedicación que a min me gustaría. En todo caso, grazas a todas aquelas persoas que o ano pasado leron o meu blog, e infinitas grazas a todas aquelas que teñen preguntado este ano pola ausencia dos meus comentarios sobre as obras. E sobre todo, convido a todo o mundo a gozar co fantástico programa deste 25 aniversario do FIOT. Vémonos no teatro!

Programa da XXV edición do FIOT

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de...

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...