Saltar ao contido principal

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes
Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Identificado, senón que consigue entrar no espectador dun xeito moi directo. David Novas e Alba Bermúdez son dous ratos humanizados, ou quizabes dous humanos que viven coma ratos, abafados por problemas tan mundanos como o machismo, a globalización, o "capitalismo fascista", os problemas familiares ou o desexo sexual. A falta de gaiola, estes dous hámsters viven nun cubo cheo de sorpresas, e a falta de roda, teñen un patinete co que dar voltas sen parar. Cunha iluminación moi acaída e cunha escenografía sinxela, os dous protagonistas acaban sendo os actores, que, como un "poli bo" e "poli malo", e tocándolle a Alba o papel máis agresivo, van desenvolvendo unha madeixa na que collen os momentos máis delirantes, como a gran parodia de Mickey e Minnie Mouse; e máis intimistas, como a tenra e fermosa escena na que se regan e xogan mutuamente. Tamén cae no lado positivo a "hamsterización" que por momentos sofren os intérpretes, con movementos e xestos que realmente fan pensar nun par de ratos. Mais tamén hai cousas negativas, como un histrionismo que renxe un pouco nalgúns momentos, algunhas dúbidas interpretativas ou a falta de orixinalidade da mensaxe, que chega moi claramente grazas a un enfoque ás veces simplista, pero que non por iso resulta novidosa. En todo caso, e aínda que afortunadamente a estes dous intérpretes lles queda moito por diante e moita marxe de mellora, o espectáculo acaba con moi bo sabor de boca. E desde logo adivíñase un bo futuro artístico dos protagonistas se son tan ousados como para facer desta a súa primeira montaxe. Ao remate, nunha especie de propina para o espectador, Alba e David -ou se cadra Hámster 1 e Hámster 2- discuten: Ti quen cres que lles gustou máis? Dicían. E aínda que Alba xoga en casa, pódese concluír que os dous cumpren co seu papel con profesionalidade e forza. E que haberá que seguir de preto a súa traxectoria.

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...

Fingir - Colectivo 96º

Un momento de "Fingir" Como un sopro de aire fresco. Así entran no FIOT as propostas do OTNI para alixeirar un pouco o peso das funcións de sala e lembrar que ás veces o teatro non é máis que unha maleta da que ir tirando cousas para facer voar a imaxinación. Lidia González e David Franch (Colectivo 96º) ofreceron en preto dunha hora de espectáculo unha nova visión da creación teatral a través da súa forza expresiva e coa simple axuda duns poucos carteis e a complicidade dun público que xogaba a non estar presente. Moito humor e moito bo facer nunha proposta núa, de contacto directo, de sensacións compartidas. Un dragón ao que vencer, un par de historias, unha continua fractura das convencións teatrais máis habituais e unha total compenetración entre os dous actores enriba do escenario conseguen atrapar a atención de principio a fin. Resulta moi agradable estar sentado na butaca e descoñecer de verdade por completo o que vai suceder a continuación, deixarse levar sen máis...

El Montaplatos - Animalario Teatro

Imaxe promocional de "El Montaplatos" Difícil labor o de xulgar unha proposta dunha magnífica compañía teatral, Animalario, -responsable de propostas como a aclamadísima "Urtain"- cun texto adaptado nada menos que dun Premio Nobel, Harold Pinter, e cun actor cunha longuísima traxectoria en teatro e televisión, Guillermo Toledo. Porén, "El Montaplatos" deixa un sabor agridoce, un aire de insatisfacción, de climax interruptus  que permanece, a pesares da orixinalidade da historia e da claustrofóbica posta en escena inicial, que a través de pingas de auga, bolsas de lixo, sons dunha maquinaria oculta e escuridade afunde ao espectador dende os prolegómenos nun espazo onírico e irreal, nun pozo negro no que calquera cousa semella posible. Ata tal punto pode pasar calquera cousa que nos atopamos con dous sicarios que por momentos lembran a "Pulp Fiction" (Quentin Tarantino, 1994), describindo asasinatos con detalle -regodeándose morbidamente na bra...