Saltar ao contido principal

"Fuenteovejuna. Breve tratado sobre las ovejas domésticas" - Obskené

Obskené no Mercado Municipal
Sensacións encontradas deixa a "Fuenteovejuna" de Obskené, unha proposta que espertou unha xenerosa resposta por parte do público que ateigou o Mercado Municipal, unha vez máis transformado para acoller certos espectáculos do FIOT que non se axustan ao convencional. Un espazo que, mentres que axudou a que a peza mantivera o seu carácter de "teatro de rúa" para o que foi concibida, cunha perfecta immersión do público no especial rabaño do que chega a formar parte, dificultou non obstante a comprensión do texto, cunha loita constante contra unha molesta reverberación do son que ás veces foi esgotadora. Tampouco a iluminación foi a idónea, porque, aínda que parece lóxico que a intención da compañía foi manter ese aire espontáneo e falto de artificio que se respira nas propostas de rúa, xa que se atreven con espazos escénicos diferentes -e certamente o Mercado non é unha ágora stricto sensu- poderían axustar máis a proposta para redundar en favor do resultado final. Mais prescindindo destes detalles extemporáneos, Obskené realiza unha interesante presentación do clásico de Lope de Vega. Podería dicirse que a obra de teatro orixinal está deconstruída en tres planos distintos: o texto orixinal, unha revisión contemporánea e ao mesmo tempo metateatral e unha terceira visión moi "ovejuna" na que o ser humano non é quen de resistir a comparanza coa súa versión máis animal, moito máis honesta. Así, os actores e actrices, que realizan unha excelente interpretación, moi física e intensa, representan dunha mesma vez á oprimida sociedade do pobo cordobés de Fuente Obejuna, a unha hipotética sociedade actual que tería o seu propio xeito de responder ante o Comendador Fernán Gómez de Guzmán e a un rabaño de ovellas que serven como metáfora para apoiar a través de descricións bastante vívidas e eficaces, especialmente no caso da arrepiante tortura, o desenvolvemento da "Fuenteovejuna" de Lope. Comezan polo final, coa chegada dese "pesquisidor" que tenta investigar quen asasinou ao Comendador. Aínda que todos coñecemos a resposta -"Fuenteovejuna, señor"-, ás veces é máis importante saber os motivos e o como. Analizar o porqué dun suceso no que un "Mr. Marshall" recibido por aclamación acaba esgallado como a peor das bestas. A peza vai medrando á mesma vez que a intensidade dos sucesos, chegando ao punto culminante nesa voda e nesa violación na que se palpa a tensión xerada por Florencia e o Comendador, fantásticos nos seus papeis. Mais hai unha sensación de inconclusión que rodea á representación que ás veces o espectador non é quen de sacudir. Coido que provocada pola falta de equilibrio entre o texto moderno e texto de Lope. Entre a metateatralidade desa "tómbola da vida" ou esas "ovellas que namoran" e a xenialidade e perpetuidade do "todos a unha". A rompedora dramaturxia, a sinxeleza do vestiario e maquillaxe, o cru do decorado son xa argumentos suficientes para afastarnos dunha versión ao uso, polo que un dubida se nos momentos clave da peza era necesario tirarnos tan bruscamente da emoción, da brutalidade e da narrativa do señor don Félix coas pinceladas dun texto moderno que ao mellor non resiste a comparación. Porque a "Fuenteovejuna" de Lope xa é moderna por si mesma, xa esconde unha mensaxe contra a opresión, contra o machismo, contra a violencia e a prol unha rebelión de masas tan revolucionaria e imparable no seu tempo como aínda o pode ser hoxe en día. Porén, o desenlace deixa un bo sabor de boca. Nun último alarde de forza, os intérpretes rodean ao respectable cun crescendo: "¡Rompe, derriba, hunde, quema, abrasa!". E rematan cunha das bazas mellor estruturadas desta "Fuenteovejuna" -con permiso da interpretación-, a música, emocionante en directo e a capella e acaída como recurso dramático. Lembrando que ao final, e despois de tanto sufrimento, tal e como mandan os cánones, hai que gozar do final feliz. Como di Ana Belén, "Yo no me voy sin bailar".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o   "locus amoenus"   e o   "carpe diem"   abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orient