Saltar ao contido principal

Recortes, caneos e outras formas de driblar - Centro Dramático Galego e Ainé Producións

 "Fin do partido"


Quen me le de cotío, ou mesmo quen leu nalgunha ocasión algunha das miñas reseñas, críticas, reflexións ou como lle queirades chamar a estas liñas que escribo sobre as pezas do FIOT, pode intuír, ou mesmo saber, que non me gusta ser cortante ou agresiva. Lembro dúas ocasións nas que din renda solta ao meu descontento, pero non vou recordalas agora porque, repito, non me gusta recrearme naquilo que non me agrada. Ben ao contrario, encántame, e mesmo creo que os textos quedan sempre máis redondiños, cando desfruto do que vexo en escena. Por iso, non me apetece nada escribir hoxe unha crítica ao uso. Crédeme cando digo que teño o caderno que adoito levar ao teatro cheíño de comentarios, apreciacións, puntualizacións... Porén,  decidín que non vou relatar nada do que escribín. Só direi que teño moito respecto pola actriz e por todos os actores que estiveron enriba do escenario, folga dicir que tamén por todas as persoas implicadas: Asorey, Carretero, Prieto, Touriñán... Curiosamente este último na peza fai de si mesmo e por iso, desta volta, non o inclúo co resto do elenco. Teño desfrutado de moitos deles noutras ocasións, e por tanto, teño comprobado que son quen de ser excelentes profesionais. Por iso, o que vin no auditorio do Pazo da Cultura sabe peor. Así que, remato xa, roubándolle a idea a un colega teatreiro e, ademais, fioteiro, que me relatou esta anécdota precisamente á saída da función. Agardo que non lle importe. Faloume dunha crítica de teatro en La Codorniz, revista humorística ben coñecida por moitas cousas, desde por ser fundada por un falanxista, ata polas súas enxeñosas formas de burlar a censura franquista, ou mesmo polas lendas urbanas que xiran arredor dela. De feito, non estou certa de que esta historia non sexa unha delas, xa que non atopei documentación ao respecto. Pois ben, contoume que a propósito da estrea dunha obra de Alfonso Paso, o crítico teatral da revista naquel momento publicou única e exclusivamente dúas verbas: "Por que?". Así que eu conclúo dicindo: Por que?

PS.: Nunca fixen ranking das pezas do festival, porque, por norma xeral, non creo nas notas numéricas. Xa intuiredes que non me parece suficiente describir algo só cunha cifra. Pero, como en realidade ao final si que voto, este ano si vou facelo nunha próxima publicación, na que tamén farei unha reflexión global. Será que, despois de tantos anos sen escribir sobre o festival, resístome a dicirlle adeus a este marabilloso #FIOT31.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

El Montaplatos - Animalario Teatro

Imaxe promocional de "El Montaplatos" Difícil labor o de xulgar unha proposta dunha magnífica compañía teatral, Animalario, -responsable de propostas como a aclamadísima "Urtain"- cun texto adaptado nada menos que dun Premio Nobel, Harold Pinter, e cun actor cunha longuísima traxectoria en teatro e televisión, Guillermo Toledo. Porén, "El Montaplatos" deixa un sabor agridoce, un aire de insatisfacción, de climax interruptus  que permanece, a pesares da orixinalidade da historia e da claustrofóbica posta en escena inicial, que a través de pingas de auga, bolsas de lixo, sons dunha maquinaria oculta e escuridade afunde ao espectador dende os prolegómenos nun espazo onírico e irreal, nun pozo negro no que calquera cousa semella posible. Ata tal punto pode pasar calquera cousa que nos atopamos con dous sicarios que por momentos lembran a "Pulp Fiction" (Quentin Tarantino, 1994), describindo asasinatos con detalle -regodeándose morbidamente na bra...