Saltar ao contido principal

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García























"Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina, a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta. Probemos a mano alzada la ubicuidad de satanás". E non queremos levantar a nosa man para poñernos de parte do diaño á hora de xulgar estes "Ojos de agua", porque si que foi un gusto contar de novo no FIOT cunha proposta ronlalera, na que a escenografía, a iluminación, a música e a pericia á hora de revisar textos clásicos como esta Celestina de Fernando de Rojas nos remiten inmediatamente a Yayo Cáceres e Álvaro Tato. Con brillantez, con complexidade, con matices, cun vibrante prólogo en verso no que convidan, entre outras, a Silvia Plath e a Mary Shelley e que adianta esa particular maneira que teñen de mesturar os clásicos coa realidade e mesmo coa modernidade, poñendo pé en terra para debuxar unha Celestina apegada á beleza, ao goce, ao terrenal que admite que "hice de mi labor mi vida" e da súa vida unha traxedia o día en que se cruzou con Calisto e Melibea. "Ta, ta, ta ¿Qué importa la época si el deleite siempre es el mismo?". E certamente foi un deleite ver como Cáceres e Tato sitúan a esta "puta vieja" nun convento de Salamanca ignorando o seu falecemento no texto de Rojas para darlle a oportunidade de contar, que non xustificar, as súas vivencias. Como arranxa-virgos, como perfumista, como vagabunda do sexo. Cunha fermosísima música, sutil, de grande calidade, de notas lenes que, xunto cuns focos avelaíños crean momentos de auténtica maxia. "Ta, ta, ta. Se me llenan los ojos de agua". Si, a nós tamén se nos enchen de auga, apesarados ao admitir que, pese á poética voz de Fran García, á delicada guitarra de Antonio Trapote e a todos os méritos, moitos, que ten esta proposta teatral, a irregularidade na interpretación e a falta de intensidade acabaron por luxala. Cada vez que esa lúcida Celestina tomaba asento para repousar falta de alento, sentíamos que era a propia Charo López, medio afogada, titubeante, e non a Trotaconventos rediviva no escenario, a que collía azos para continuar. "Ta, ta, ta. A todos nos acecha el fin". E certamente, camiñamos cara a fin da peza admirando as reflexións do texto sobre a vellez, sobre os erros do pasado, sobre épocas mellores, sobre a crueldade do transcorrer do tempo, máis benévolo con uns que con outros, pensando que, quizabes, sería mellor para a Celestina non ter resucitado para acabar sendo "toda yo un gotelé". Mais, en definitiva, admiramos a esta muller que, coma todas as mulleres transgresoras, reciben o insulto como unha condena por ser diferentes, como unha censura por buscar a liberdade da única forma que puideron atopar. "Sólo me pesa morir sola por haber vivido libre". Remata a peza. Cae o pano. Aplausos que podían ter sido máis intensos e máis gostosos. "Ta, ta, ta". Fin.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de...

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...