Saltar ao contido principal

"Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula" - Cinema Sticado

Cinema Sticado emite un filme en directo con elaborados decorados e figuras de cartón



















"Cinema no vivo, sen audio ou vídeo pregravado". Iso é o que prometen os galegos Xosel Díez e Helena Varela con Cinema Sticado e iso é o que poñen enriba da mesa en "Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula". Non é a primeira vez que propostas similares visitan o OTNI. A formulación da peza lévanos inevitablemente a rescatar dos nosos maxíns a Macarena recuerda Sheperd. Porén, neste caso a aposta polo mundo audiovisual é moito máis pura, sen apenas concesións para a pericia interpretativa máis aló duns cantos diálogos escolleitos e algúns movementos perfectamente coreografiados. E o enfoque afástase tamén moito da lixeireza e da tensión narrativa de Macarena, de tal xeito que dende o comezo borramos inmediatamente os vestixios da proposta anterior para afrontar unha peza moi distinta. No apartado técnico, este striptease é impecable e abraiante, elaborado a través de diminutas filigranas de cartón, pequenas luces, decorados que, grazas a un estudo case milimétrico dos movementos e ao dominio da cámara en man, son quen de levarnos nunha viaxe con paradas, non só literais grazas a un tren persistente, senón tamén figuradas nunha historia que atravesa unha estación, unha manifestación anti sistema, unha idílica piscina ou un club de alterne fantasticamente recreado. Imaxinación e pericia resolven os obstáculos e os retos que xorden do traballo con figuras tan pequenas e a necesidade de recrear varios escenarios a través dun único plano secuencia. A coidada estética tamén resulta moi estimulante, con cores e luces que gardan reminiscencias pop art pero que tamén crean unha atmosfera abafante e sinistra, cun xiro final do figurativo ao conceptual que alixeira a peza e que a achega a un universo máis poético e surrealista. Nada que dicir, por tanto, da aposta visual e das técnicas empregadas, con momentos moi logrados como ese baño na piscina ou ese psicodélico pole dance. Porén, si hai un aspecto técnico que constitúe un importante obstáculo para este striptease, e é o son. Sen entrar a discutir a calidade dos efectos, si podemos dicir que, mentres que algúns están moi conseguidos -como ese harmónico que actúa como bucina do tren- en moitos dos casos as secuencias, repetidas ata o infinito, resultan cargantes, pouco acaídas e sen contribuír en absoluto a meternos neste universo humano-avícola. Intuímos que, ao igual que o resto dos elementos que compoñen a proposta, estes efectos están contaxiados dun afán experimental, pero predispoñen ao espectador máis en contra que a favor do relato, sobre todo porque non dan un momento de respiro e, en lugar de crear atmosfera, axudan a desfacer o que con tanto traballo compoñen outras facianas do espectáculo. Por último, deixando a un lado a técnica, a maior eiva deste striptease, o que fai que non chegue, é a tensión dramática, xa que as propostas teatrais, mesmo as do OTNI, non se constrúen unicamente a base de técnica. O que determina que o espectador quede pegado ao asento mantendo o interese, son as historias. E aí é onde encontramos que a proposta non cobre as expectativas. Lentitude, xiros previsibles, falta de ritmo, excesivo detemento para describir unhas escenas, mentres que por outras que poden ser máis transcendentes para o desenvolvemento da trama pasamos case que no bico dos pés. En lugar de atopar unha técnica ao servizo da historia, descubrimos que é a historia a que está ao servizo da técnica. En todo caso, hai que felicitar a Cinema Sticado pola súa ousadía e por tratar de crear un universo propio a través dunha aposta multidisplinar, aínda que quizais, en definitiva, teña máis valor artístico ca teatral.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de...

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...