Saltar ao contido principal

"Los esclavos de mis esclavos" - Teatro Meridional

"Los esclavos de mis esclavos" tivo no FIOT a súa primeira representación

Afganistán. Un país que ten mudado nun símbolo. Unha verba que significa moito máis que un país. Un desastre político que aparece de cando en cando nas noticias, coma un ruído xordo, coma unha molestia, como un máis dos conflitos esquecidos que proliferan no noso planeta pero que preferimos agochar para vivir con tranquilidade na nosa cómoda e compracente ignorancia. Pero chegan Julio Salvatierra e Producciones Meridional e rescatan para nós todas as complexidades, todos os matices e todas as miserias que acontecen nun lugar que de repente está á volta da esquina. "Los esclavos de mis esclavos" -que ofreceu no FIOT a súa primeira función- sitúanos rapida e abruptamente nas montañas afganas, con economía de recursos empregados con potencia e sabedoría porque non fai falla perdelos en afondar no contexto, senón indo ao gran, ao quid da cuestión. E ese quid é a realidade que se agocha detrás dos secuestros que non ocupan máis de dúas liñas nas noticias e que só estremecen lixeiramente as nosas consciencias cando rematan en morte. A proposta está chea de sutilezas. Coma ese comezo, no que unimos cantos árabes e cantes jondos, lembrando que o flamenco contén elementos do folclore morisco, árabe e andaluz e tamén reminiscencias xitanas de Pakistán, Palestina ou Exipto. Porque en realidade temos moitas cousas en común. Ou coma esa escenografía pouco intrusiva que emprega unha fermosa e acaída iluminación, de novo sometendo a ambientación ao servizo dun texto brillante que vai derrubando tópicos a golpe de pluma. Porque Afganistán non é unicamente un país de catetos que se auto inmolan en nome dun Alá vingativo. Porque non todas as mulleres están oprimidas desexando escapar, e as que si o están se cadra son tan numerosas como as de Occidente, xa que o machismo quizais é alí máis notorio, pero non por iso menos prexudicial que o que se exerce a carón das nosas casas. Porque os talibáns non fan uso da violencia só por fanatismo. E porque o problema non son as armas, senón as inxustizas. Cada frase e cada diálogo reflicte unha faciana do prisma, dándolle a volta ás ideas preconcibidas para descubrir que todos somos esclavos "de los esclavos de la ignorancia" ou que "por mucho poder que tengamos, siempre hay alguien que decide por nosotros". Esta fantástica proposta teatral ofrece lecturas a nivel político, a nivel existencial e a nivel humano, no apartado da mensaxe; pero tamén ofrece emoción no apartado sentimental, sen caer no maniqueísmo para conseguilo, nin na bágoa fácil. Descubrimos a angustia do encerro, da desinformación, da opresión. Pero tamén a agonía cando intúes que todo aquilo que crías e polo que estabas loitando pode que non sexa verdade. Ou polo menos, non "a verdade". Porque todos vivimos no mesmo crisol de culturas e relixións, no que forzosamente teremos que aprender a convivir se queremos progresar. Pero mentres tanto, e como sempre sucede na vida, os máis débiles son quen pagan o prezo, aínda que teñan a valentía de tentar loitar contra o seu destino ata o final. Ademais de todas as lecturas que abrangue o texto, "Los esclavos de mis esclavos" tamén ten un notable na interpretación, que seguro que irá mellorando coa rodaxe a partir da estrea e incrementando o ritmo. Así, ás veces a necesidade do libreto de transmitir tanta información fai que algúns diálogos semellen menos cribles, correndo o risco de que os actores e actrices pasen de seres humanos a arquetipos. Pero todos son quen de estar á altura da complexidade da obra, cunha mención especial para Inés Sánchez, que amosa como unha muller pode comunicar cada faísca dos seus sentimentos mesmo sepultada tralo pano dun burka e loitando "por liberar mi tierra, que es mi sueño". Sentidos parabéns a Meridional por crear unha excelente obra de teatro. Teatro con maiúsculas.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de...

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...