Saltar ao contido principal

"Conferencia espectacular" - David Espinosa

"Sobre o punto de vista"

"Isto non é teatro nin é nada", exclamaba un espectador -que agardo perdoe a indiscreción- ao remate desta peza de David Espinosa. E algo de razón non lle falta. Pero, quere dicir isto que non pagou a pena asistir a esta "Conferencia espectacular"? Habería que preguntarlle aos asistentes, por suposto, pero eu coido que foi unha hora proveitosa. Probablemente non para enfrontalo como un espectáculo ou como un acto teatral ao uso, á fin e ao cabo, nisto consiste o OTNI. Pero si, e fundamentalmente, como repaso histórico das artes escénicas máis alternativas, "artes vivas", pero sen as que, con total seguridade, o teatro máis "popular" ( ou "morto", sic), non tería avanzado. Cunha ollada irónica e non exenta de humor (resulta como pouco chocante ver a Pina Baush transformada nunha barbie bailarina) escoitamos nomes ilustres do teatro contemporáneo máis "transgresor" (palabra manida e baleira de significado hoxe en día, pero coido que acaída neste caso). Nunha clase maxistral que semella dirixida por bonecos e figuriñas e grazas á axuda da manipulación máis núa e das novas tecnoloxías, acabamos por ver o esqueleto, a carcasa do teatro. Sobra, seguramente, a carácter marcadamente personalista da peza. Certo é que alguén coa traxectoria de Espinosa, que tivo a sorte de vivir boa parte do que conta na súa propia pel, enriquecería achegando o seu punto de vista, o POV que o TikTok ten relegado, nun exercicio puramente reducionista, a un mero "cousas que me pasaron a min". Pero, certamente el non ofrece o seu punto de vista. Máis ben abraza o reducionismo tiktokero para dicirnos "eu estiven aí", "e aí", "e aí" a través dunha aséptica voz en off... Un narcisismo sen o que a peza sobreviviría perfectamente. Pero, como culpalo, se un intúe, sen sabelo con seguridade, que precisamente foi convidado ao FIOT por ser quen é. Polo seu nome e a súa traxectoria, para ser tachado dunha lista máis de persoeiros que dan lustre e esplendor a un festival que xa non o necesita, porque, despois de 31 edicións, un podería arriscarse a dicir que tanto monta, monta tanto. Tan feliz pode estar el de vir ao FIOT como o festival de telo. En todo caso, quen xa coñeza polo miúdo as particularidades do teatro contemporáneo, puido vivilo baixo outro prisma grazas a esta peza. E quen non, certamente saíu cun bo feixe de deberes para poñerse ao día.

PS: Morriña de OTNI. Esta parte do programa do FIOT é a que máis teño botado en falta. Seguramente non poda ir a todos este ano. Xa perdín un. Pero non podía deixar de comentar este, que si tiven a oportunidade de ver. Longa vida ás artes vivas!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o   "locus amoenus"   e o   "carpe diem"   abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orient