Saltar ao contido principal

"Pirolíticos" - Mofa e Befa

 

Foto: Vanessa Rábade

"Trinta anos non son nada, ou si..."

Táboas, táboas, táboas e máis táboas. Din que 20 anos -neste caso 30- non son nada. Mais no caso de "Pirolíticos" de Mofa e Befa, resultaron selo todo. A complicidade de Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo enriba do escenario fixo que esta estrea semellara ser unha peza que leva moita máis rodaxe. Resulta obvio que, a estas alturas da súa carreira, a un deles pícalle o nariz antes sequera de que o outro saiba que vai esbirrar en escena. Agás nalgúns momentos puntuais nos que decae o ritmo e que irán desaparecendo co paso do tempo, todo encaixa na engrenaxe desta proposta. Nun xogo de "poli bo" (Víctor) e "poli malo" (Evaristo), estes dous integrantes dunha peculiar banda de rock "morada" buscan constantemente alternar a seriedade e circunspección dun tema tan transcendente coma o feminismo, coa irreverencia, ou máis ben co "perralleirismo" da compañía. Resulta necesario o exercicio que realizan as autoras -Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado- de falar dos dereitos das mulleres na boca de homes, porque, e isto está cada día máis claro, a revolución será indo da man cos homes, ou non será. Tiran da alfombra para poñer a lupa nos micro machismos, no machismo interiorizado do que moitas veces non nos damos conta e mesmo, coa impagable retranca galega, rin das boas intencións dalgúns homes que queren entender, pero que aínda non entenden. Con todo, bótase de menos máis profundidade, unha navalla máis afiada e máis precisa. Semella a veces que estamos nun curso avanzado do que tan só estamos estudando a materia preliminar. Algúns dos "entremeses" dos que se compón a peza teñen máis agudeza que outros, resultan máis interesantes e, por ende, máis graciosos. Porén, segue a ser moi recomendable poñer as gafas moradas que ofrecen estes "Pirolíticos". E, sobre todo, aprender a levalas postas moito máis tempo cada día, ata que podamos guindalas no lixo.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o   "locus amoenus"   e o   "carpe diem"   abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orient