Saltar ao contido principal

"Impalpable" - Sambuseck


 "Ensaio sobre o provincianismo"


Ás veces resulta complicado enfrontarse á folla en branco. Porque, que escribir cando unha proposta está ben construída, ben interpretada, ten un bo ritmo, pero semella que non acaba de estoupar? Nanda Abella, Natalia López e Agustina Rodríguez fan un bo traballo, mesmo excelente, seguindo as esixencias nunha peza moi coreografiada e marcada. A escenografía e a iluminación son acaídas e fermosas. A historia conta cun bo número de ingredientes para afondar nun feixe de temas: a soidade, a natureza do éxito e do fracaso, o machismo, o abafante das vidas das mulleres doutros tempos, non tan alonxados dos actuais en moitas cousas... Porque viven nun cadrado pintado no chan, ao puro estilo Dogville, no que os movementos están sempre determinados de antemán, nunha ríxida rutina de cidade provinciana. Mais unha delas consegue saír, desencadeando unha serie de acontecementos que acaban por quitar o veo da falsa realidade na que vivían. Tan só a sombra de dous homes sobrevoa as súas vidas, pero son dous homes moi determinantes: o xefe, o amante, o representante. E arredor deles constrúen a súa narrativa, porque non teñen máis opción. Pouco a pouco as antagonistas e as protagonistas van mudando ata que, ao final, o único que queda é seguir vivindo e loitar por conservar un chisco de ilusión. Non obstante, esta fábula de sentimentos fracasa cando chega o momento de reflexionar sobre as motivacións. Semella que o pastel tan perfecto que elaboran en escena non acaba de estar cociñado fóra dela. Estela estivo no lugar de Liliana noutro tempo? Jorge tamén foi algo máis para ela? Como vive realmente Liliana o engano que simula ante ese fillo? Cal é o prezo que sen dúbida deberá acabar pagando Blanca polo éxito? Cuestións que quedan no aire, quizais de forma estudada para reflectir esa "impalpable" atmosfera que as rodea, pero que fan que a peza acabe sendo unha fábula fermosa de ver, pero igualmente fácil de esquecer, a pesar de todas as súas virtudes. Como esa escena na que Blanca representa para Liliana a caída no foxo de hipocrisía que a veciñanza abre ante os seus pés. Ou ese final con esa lene luz de cinema, na que o zapato branco da Cincenta amosa o conto de fadas que nunca vivirán. Semella que este ano ando constantemente na procura da transcendencia nas obras deste FIOT. Pero igual é só unha eiva miña, e tamén está ben gozar de cando e cando coa sinxeleza das cousas ben feitas.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta