Saltar ao contido principal

Criaturas - Teatro do Aquí

Frankenstein observando unha das "Criaturas"
Dicía Camilo Franco, recoñecido crítico teatral, no "Café con..." previo á representación de "Criaturas", que as obras teatrais de Roberto Vidal Bolaño poden ser simplemente lidas, como novelas dramatúrxicas, sen a necesidade de levalas enriba dun escenario. A súa potente mensaxe non se perde e os méritos do autor son igualmente evidentes. Tendo sido homenaxeado no Día das Letras de 2013, tiven a oportunidade precisamente de ler "Criaturas", de lela sen máis, no sofá, con calma, ao igual que outras obras de Vidal Bolaño. E recoméndolle aos amantes da lectura que o fagan. No papel, "Criaturas" desvélase como unha sátira social de altura, unha visión aceda sobre o mundo que nos rodea, no que o Frankenstein que nos axexa é moito máis humano que o humano. Un texto no que un asasino quen de arrincarlle o corazón ao obxecto do seu amor para poder vivir con el para sempre merece máis a tenrura, a compaixón e o afecto que calquera persoa que camiñe pola rúa. Una mensaxe cínica, amarga, lúcida e realista. "A miña monstruosidade non é senón o reflexo da que aniña en vós. En ti. En todos", di o Frankenstein de Bolaño, nunhas palabras que mesmo podería dicir o monstro orixinal de Mary Shelley. Pero o realmente desolador é a reflexión do propio monstro porque: "Eu non son real. Son unha ficción. Non existo. Vos si". Existen os intolerantes, os inseguros, os insensibles, os miserables, os infelices, os que viven da calaza. O lector asiste a unha parada dos monstros moi real, máis arrepiante que a máis arrepiante das "criaturas". Os fumadores, os gordos, os borrachos, os cotillas, os voitres, os pobres de espírito. Todos teñen cabida nesta xenial mirada irónica. Pena que Teatro do Aquí non fora quen de entreter ao espectador contando con este texto tan provocador. Porque, por desgraza, non o logra. O libreto de Vidal Bolaño está moi vivo despois de 14 anos dende a súa concepción. Cada tema atopa a súa correspondencia no país de agora. Pero o que non está de plena actualidade son a escenografía, as interpretacións, a montaxe ou incluso a música. A potente banda sonora do "Drácula" de Francis Ford Coppola (1992) parece fóra de lugar. As transparencias de fondo renxen cada vez que aparecen. E as interpretacións dos actores semellan de hai unha década. Exactamente o que son. Especialmente absurda é a xestualidade da escena na que unha parella discute ao atoparse cun pobre á saída da igrexa. Decepcionante a falta de ritmo dalgúns dos monólogos e de toda a peza no seu conxunto. Prescindible a esaxeración na que se cae en determinadas escenas. Mágoa do irregular calado dos cadros, algúns -como o do fumador ou o do vendedor de libros- moito máis logrados que outros. Pesadume de que o intenso final quede esvaecido. Pode que Teatro do Aquí sexa a compañía de Vidal Bolaño. E pode que a peza fora representada no FIOT exactamente, ou case, como el a pensara no seu día. Pero o que está claro é que, mentres que o texto resiste perfectamente o paso do tempo, non así a adaptación. E que a pesar do esforzo dos intérpretes, esta versión de "Criaturas" pode ser unha digna homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. Pero non é unha gran obra de teatro.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta