Saltar ao contido principal

Eurozone - Grupo Chévere

O casino virtual de "Eurozone"
Satírica, divertida e interesante pero ocasionalmente falta de forza. Irregular e con altibaixos. Este é o pouso que deixa "Eurozone", de Grupo Chévere, segunda proposta do FIOT e primeira dunha compañía galega nesta edición. A idea de partida é realmente fantástica. Os dirixentes económicos e políticos da zona euro son retratados como os matóns de pacotilla da aclamada película de Quentin Tarantino "Reservoir Dogs" (1992). O único mérito destes pseudo personaxes é o de contar con poder grazas a un gatillo fácil e á súa ausencia de escrúpulos. Certamente, é facil imaxinar a Sarkozy, Merkel, Cameron, Draghi ou Lagarde xogando á ruleta económica e "atracando" aos infelices cidadáns europeos. De cotío son o motivo das dores de cabeza de medio continente. Aínda que non excesivamente orixinal, a idea resulta brillante pola súa forza dramática. Lástima que o desenvolvemento non teña a mesma forza que este fío condutor, alomenos non durante toda a peza. Grupo Chévere distribúe "Eurozone" en tres planos distintos: o primeiro, é metateatral, o duns actores que sobre a marcha van tentando construír un espectáculo; o segundo, o de "Reservoir Dogs", o señor Branco, Azul, Marrón, etc., os pistoleiros desapiadados; e o terceiro o da Unión Europea, con países personificados nos seus dirixentes. E un dos erros da peza reside precisamente na presenza destas tres lecturas. Boa parte do tempo da función pérdese en explicarlle ao espectador en que consiste a película de Tarantino, en que consiste a zona euro, en que consiste o que van facendo polo escenario. En aclarar que en realidade Merkel non é Merkel senón Patricia de Lorenzo, facendo de Merkel, que fai de Alemaña, que fai de señor Marrón que simboliza a zona euro. Un desperdicio de tempo, xa que o espectador está desexando entrar de cheo no delirante mundo destes matóns. Outra das eivas da peza é a inclusión dalgúns gags fallidos. Así, aínda que resulta moi interesante que "Eurozone" sexa a primeira proposta teatral que inclúe unha dobraxe fílmica en directo, esta escusa non é o suficientemente forte, na humilde opinión de quen subscribe, como para incluír unha metraxe que non resulta efectiva. E non o resulta porque a idea que quere transmitir, unha Europa violada por Zeus transformado en touro e plasmada nos novos billetes de 5 € sería unha imaxe poderosa, mais que queda diluída. Outro dos cadros, a tortura de Rodrigo Rato, tamén resulta lento e innecesario. No saldo positivo, a marabillosa imitación de Angela Merkel por parte de Patricia de Lorenzo, a lenta agonía dunha España abafada por esa prima de risco que ninguén sabe o que é, ou as continuas labazadas que reparte a obra para desvelar un sistema económico absurdo, oligárquico, que tan só conta cun lixeiro verniz demócrata e baseado na intimidación, no poder e na xermanocracia. Todo descrito coa axuda do sarcasmo constante e as gargalladas, que tamén as hai e o público foi quen de encontralas a miúdo. Outra das mellores escenas é a dun casino -alias Eurovegas- no que o premio final é disparar a un dirixente europeo da man da "Troik Pot". Aínda que tamén hai que subliñar que algún dos mellores chistes os realiza a persoa do público que axudou a construír o cadro. En definitiva, "Eurozone" é un exercicio satírico e humorístico, por momentos brillante, pero por momentos necesitado dunha aproximación mais directa, máis sinxela e incluso máis mordaz, xa que, a pesar de que a mensaxe queda clara, un intúe que o espectáculo podía dar un paso máis e pasar de ser un cúmulo de boas ideas executadas con oficio a ser unha excelente obra de teatro. 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta