Saltar ao contido principal

Symon Pédícrí - Diego Anido Co.

Symon Pédícrí no OTNI
Difícil de xulgar este "Symon Pédícrí" que trae baixo o brazo o galego Diego Anido dende Cataluña. Trátase, certamente, dun Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI). Porén, a complicación reside en saber se ademais de ser unha proposta difícil de clasificar chega realmente a transmitir a súa mensaxe. En "Symon Pédícrí" nótase o coidado labor que reside detrás da peza. A iluminación, a música, o son e incluso a escenografía están moi traballados, ao igual que a interpretación de Anido no seu papel de "Gonzalo", un home calquera do extrarradio de calquera cidade cunha vida mediocre e que na ousadía da inocencia atrévese a montar un espectáculo teatral porque os verdadeiros intérpretes chegan tarde. A partir de aí, a personalidade de Gonzalo vaise esvaecendo e mesturándose coa de Symon Pédícrí e a do seu irmán do mesmo nome, supostos protagonistas da obra non representada, para irnos achegando unha serie de crises existenciais, de inquedanzas, de momentos cada vez máis sórdidos que incluso bordean o "gore" para rematar nun final no que o ser humano queda nu e baleiro, mudo e indefenso. Entón, que é o que falla en "Symon Pédícrí"? Por que deixa unha sensación de inconclusión e, por momentos, de incomprensión? Non hai unha única resposta, mais unha delas podería ser a falta de concreción. Permitir que o espectador deixe voar a súa imaxinación e tire as súas propias conclusións é un recurso teatral como calquera outro, pero hai que ofrecerlle ao público as suficientes ferramentas como para tiralas. Neste caso, semella que a proposta está feita a tiróns, de xeito disperso, coma se algúns elementos estiveran incluídos porque son orixinais ou interesantes, pero sen estar realmente inseridos no argumento, senón como elementos en si mesmos que distraen e fan que o espectador se perda en labirintos que non achegan nada novo ao desenlace. As referencias están aí, como a de Frankenstein, a do Doutor Jekyll e Mister Hide, a da crisálida que torna bolboreta ou incluso a dos experimentos do doutor Mengele. Pero non agroman como deberían, en parte quizais á excesiva duración da peza, que por momentos resulta demasiado opresiva, suavizando a intensidade que debería ter. En todo caso, propostas como "Symon Pédícrí" acaban sendo fundamentais e a razón de ser dun ciclo coma o OTNI, no que a experimentación, o teatro contemporáneo e incluso as propostas inclasificables deben ter cabida e dirixirse a un público máis aberto e receptivo con aquilo que é distinto, pero non por iso necesariamente desbotable.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta