Saltar ao contido principal

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes
Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Identificado, senón que consigue entrar no espectador dun xeito moi directo. David Novas e Alba Bermúdez son dous ratos humanizados, ou quizabes dous humanos que viven coma ratos, abafados por problemas tan mundanos como o machismo, a globalización, o "capitalismo fascista", os problemas familiares ou o desexo sexual. A falta de gaiola, estes dous hámsters viven nun cubo cheo de sorpresas, e a falta de roda, teñen un patinete co que dar voltas sen parar. Cunha iluminación moi acaída e cunha escenografía sinxela, os dous protagonistas acaban sendo os actores, que, como un "poli bo" e "poli malo", e tocándolle a Alba o papel máis agresivo, van desenvolvendo unha madeixa na que collen os momentos máis delirantes, como a gran parodia de Mickey e Minnie Mouse; e máis intimistas, como a tenra e fermosa escena na que se regan e xogan mutuamente. Tamén cae no lado positivo a "hamsterización" que por momentos sofren os intérpretes, con movementos e xestos que realmente fan pensar nun par de ratos. Mais tamén hai cousas negativas, como un histrionismo que renxe un pouco nalgúns momentos, algunhas dúbidas interpretativas ou a falta de orixinalidade da mensaxe, que chega moi claramente grazas a un enfoque ás veces simplista, pero que non por iso resulta novidosa. En todo caso, e aínda que afortunadamente a estes dous intérpretes lles queda moito por diante e moita marxe de mellora, o espectáculo acaba con moi bo sabor de boca. E desde logo adivíñase un bo futuro artístico dos protagonistas se son tan ousados como para facer desta a súa primeira montaxe. Ao remate, nunha especie de propina para o espectador, Alba e David -ou se cadra Hámster 1 e Hámster 2- discuten: Ti quen cres que lles gustou máis? Dicían. E aínda que Alba xoga en casa, pódese concluír que os dous cumpren co seu papel con profesionalidade e forza. E que haberá que seguir de preto a súa traxectoria.

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta