Saltar ao contido principal

Acto cultural - Grupo actoral 80

Un momento da representación
Cando diante duns actores e actrices enérxicos, cun público que ri de cando en cando e que incluso colabora con boa vontade nun acto teatral, un acaba mirando repetidas veces o reloxo, só podemos concluír que algo falla. E, lamentablemente, iso é o que lle ocorreu a quen subscribe durante a esforzada actuación que Grupo Actoral 80 fixo de "Acto cultural" unha das propostas máis coñecidas do célebre autor venezolano José Ignacio Cabrujas, que visita o FIOT 2012 para imbuílo dunha pátina internacional. Suponse que a divertida representación por parte da xunta directiva da Sociedade Louis Pasteur de San Rafael del Ejido do drama "Colón Cristóbal, el genovés alucinado" é unha excusa para amosar as debilidades, miserias, arelas, tristuras e relacións dos propios membros desa xunta directiva, enterrados sen remisión en San Rafael, condenados a vivir inmutables, atrapados nos seus propios pecados e erros, nunha especie de interminable *'día da marmota', que están sentenciados a sufrir para sentir de novo os seus infortunios, pero neste caso, sen ningunha posibilidade de superalos e avanzar. Desgraciadamente, a traxicomedia é un xénero moi atractivo pero moi difícil de levar a cabo con solvencia. E neste caso, o traballo de encaixar o humor e a desgraza con fluidez convértese nunha montaña moi difícil de salvar. Durante os primeiros compases da función, semellaba que por fin chegaba a un FIOT envolto na crítica social, na escuridade e na seria reflexión, unha comedia pura, axeitada para liberar tanta tensión e rir a gargalladas. Porén, pronto vemos que a presenza duns personaxes aparentemente despreocupados esconde a caracteres marcados pola súa timidez ou luxuria, polos seus complexos e fracasos persoais. Con todo, e a pesares do valente intento de boa parte do elenco, nada convence. A tristura acaba por diluírse entre as gargalladas e as gargalladas acaban por ser un baluarte ao que agarrarse para evitar que a obra acabe afundida por completo. Tampouco contribúe a reflotar o naufraxio a duración da peza, con dúas horas das que podería sobrar boa parte, porque do primeiro acto podería saltarse directamente ao desenlace sen perder un ápice da mensaxe que se nos quere transmitir. Un desenlace sentido e ben levado, que, xunto con outros logrados 'cadros', como o xocoso falso flamenco ou a lasciva confesión de Isabel la Católica, deixan unha boa impresión pero non chegan para redimir o resto. Cabrujas goza de gran sona e queda unha pregunta no aire. Se o texto non parece ser o erro, falla a adaptación, a interpretación, a dirección, o enfoque? Resulta difícil de dirimir, pero o que transcende ao final é que o "Acto cultural" acaba sendo un "Acto fallido".

*[Do filme "Atrapado en el tiempo", Harold Ramis, 1993]

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de...

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...