Saltar ao contido principal

Decamerón, historias para tempos ruíns - Cándido Pazó

Cartel promocional do espectáculo
Con cada espectáculo que presenta, Cándido Pazó confírmase como un dos mellores contadores de historias de Galicia. Despois da intensidade das "Memorias das 'Memorias dun neno labrego'", cambia radicalmente de fábula, pero mantén as mesmas formas para seguir engaiolando ao público. O seu dominio do espazo escénico, a súa complicidade co espectador, o seu nervio e a súa capacidade para transformarse nuns momentos fan que as súas propostas sempre conten cun especial atractivo. "Decamerón, historias para tempos ruíns", inspirada na obra de Giovanni Boccaccio, non ía ser menos. E acadou un cheo absoluto na primeira proposta do ciclo OTNI deste FIOT 2012. Nunha escolma dalgúns dos máis de cen contos que compoñen o libro do italiano, Pazó viaxa no tempo, somerxe ao espectador noutras épocas e ao mesmo tempo actualiza uns textos moito máis próximos aos nosos tempos do que podería semellar. Cun vestiario impecable e sobrio, ao igual que a escenografía, o Xograr de Outono converte un sillón que viviu tempos mellores en torre, igrexa ou montura. Aproveita cada recuncho para darlle vida a bispos, monxas, mozas, queixeiros, falcóns, cazadores ou cazados con enerxía e sen dar un momento ao respiro, durante pouco máis dunha hora, seguindo fiel ao estilo que máis réditos lle proporciona. E sen resistir a tentación de obter unha ensinanza de todo o que vai predicando ou de mesturar os seus típicos contos entre as historias de Bocaccio e incluír referencias localistas que impliquen todavía máis ao público. Tampouco esquece renderse á tenrura e incluso á tristura nalgún instante que fai máis gostosas as risas posteriores. Resumindo, Pazó é unha aposta fixa para quen busquen sorna, ironía, un chisco de emoción, gargalladas e, sobre todo, pasar un bo rato, que, en moitas ocasións, é precisamente do que se trata.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

Calla y come - La Cocina

Imaxe promocional de "Calla y come" De non existir, algunhas propostas teatrais habería que inventalas. Son aquelas que contribúen a romper a monotonía do teatro, a crebar os seus límites: son un "accidente escénico", cun "ollo externo" baseado na "ignorancia consciente", que diría La Cocina. Son aquelas que van máis aló das convencións habituais do acto teatral. Deberían existir polo seu esforzo por conectar co público independentemente do texto, pola súa complexidade e polo seu afán de explorar o teatro máis aló do teatro, de converter o escenario nalgo máis transcendente e avanzar. Por sorte, xa existe "Calla y come", unha proposta moi ben encaixada no OTNI -Obxecto Teatral non Identificado- porque a define á perfección. La Cocina rompe co establecido e acaba intercambiando os roles de público e actores, de espectador e de espectáculo, de xeito que o primeiro acaba formando parte do espazo escénico e o segundo invade a platea, de...

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...