Saltar ao contido principal

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación
Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o seu interese. Supéranse dificultades, como encaixar a Manquiña na pel do sicario 'Jalisco' (e xa van tres asasinos a soldo neste FIOT), ou transcender a familiar, profunda, magnífica e case irreal voz de Santiago Fernández para velo como un personaxe de carne e óso, todo o palpable que pode parecer un axente de alto rango da CIA. E a partir de ahí, todo vai in crescendo. Os flash-backs están impecablemente introducidos, con transicións fluidas. Luisa Merelas e Elina Luaces están magníficas nos seus papeis de esposas oprimidas ou rebeldes, segundo sexa o caso. E os momentos dramáticos de maior tensión trasmiten a emoción que conlevan. Leáse: as escenas de amor e os asasinatos. Especialmente cruel é a violación e estrangulamento de Irene, segunda muller de Jalisco. Arrepíos transmite esa escena crúa, na que no auditorio reinou un silencio case reverencial. Un momento que transmite por fin a verdadeira natureza de José García Peña, que podía parecer un home levado polas circunstancias, corrompido polos longos tentáculos da Axencia de Intelixencia Americana, pero que aí descubrimos sen concesións que realmente é un psicópata. Outra mención especial merece a estupenda iluminación e tamén a música, que sutilmente transmite tenrura, morriña ou nostaxia cando toca. Sendo esixentes, quizabes a actuación de Manquiña peca en ocasións de falta de contención, dun histrionismo durante os seus delirios atormentados que ás veces renxe un pouco. E tamén acontece que os diálogos están tan cheos de sentenzas, de dobres interpretacións e de densidade, que o público perde sen remedio matices. Porén, relendo o escrito vexo que ben poucas cousas negativas fun quen de sacarlle a esta proposta. Quen queira pode saltar da primeira á última liña para ler unha única verba: excelente.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta