Saltar ao contido principal

Juicio a una zorra - Kamikaze Producciones

Un momento da representación
Brava, bravísima!!! Érgome da butaca para aplaudir a rabiar a Carmen Machi, unha actriz que, grazas a Miguel del Arco, a un texto marabilloso e ao seu propio xenio tamén conseguiu poñer en pé a boa parte do auditorio do Pazo da Cultura. Nun FIOT até o de agora algo descafeinado, con algunhas propostas frustrantes, como "El Montaplatos", e outras boas -Tantakka, Teatro do Morcego- pero que non chegan a este nivel, Carmen Machi irrompe como unha catarse redentora, como un tsunami interpretativo, como unha Helena de Troya irónica, namorada, sumisa, sublime, reivindicativa, sarcástica, ebria, colérica, forte e feble: fantástica. Del Arco mantén a liña aberta con "La violacion de Lucrecia", brillamentemente levada á escena por Nuria Espert no FIOT 2011, apostando de novo polo intimismo e deixando renda solta ao talento das divas, que enchen o escenario a pracer. Un atrezzo sinxelo pero efectista, unha música axeitada e sutil -excepto no desenlace, no que cobra protagonismo- e un texto incontestable, que ofrece unha ilimitada carga de matices que Machi aproveita á perfección, son algunhas das claves desta función que consegue manter ao público en vilo de principio a fin. Helena de Troya sométese ao xuízo do respectable para convencer ao seu pai Zeus de que lle conceda a maior das súas arelas: o esquecemento. Pero é imposible obviar a vida durísima desta muller que personificou, a ollos dunha historia escrita por homes, todos os males da antigüidade: culpable de adulterio, de lascivia, de mala nai, incluso dunha guerra exterminadora de dez anos. Condenada por ser violada, envidiada, odiada e maltratada, pero non amada. Destinada a vivir a eternidade envolta en fealdade despois de tocar a divinidade grazas á súa inefable beleza. Machi leva o ritmo da peza con mestría, marcando con infinidade de faces cada unha das lascas dunha Helena conmovedora, ao fin, que sen dúbida gaña o xuízo ao que é sometida aínda que, como sucede a miúdo na vida real, a sentenza non chegue a ser pronunciada. Porén, o desenlace non acaba de responder a pregunta que se repite ao longo de todo o espectáculo: "Quen escribe a historia?". Interrogante difícil de esclarecer. O que sí podemos afirmar é que Carmen Machi escribiu o pasado domingo unha parte da historia do FIOT.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta