Saltar ao contido principal

Fingir - Colectivo 96º

Un momento de "Fingir"
Como un sopro de aire fresco. Así entran no FIOT as propostas do OTNI para alixeirar un pouco o peso das funcións de sala e lembrar que ás veces o teatro non é máis que unha maleta da que ir tirando cousas para facer voar a imaxinación. Lidia González e David Franch (Colectivo 96º) ofreceron en preto dunha hora de espectáculo unha nova visión da creación teatral a través da súa forza expresiva e coa simple axuda duns poucos carteis e a complicidade dun público que xogaba a non estar presente. Moito humor e moito bo facer nunha proposta núa, de contacto directo, de sensacións compartidas. Un dragón ao que vencer, un par de historias, unha continua fractura das convencións teatrais máis habituais e unha total compenetración entre os dous actores enriba do escenario conseguen atrapar a atención de principio a fin. Resulta moi agradable estar sentado na butaca e descoñecer de verdade por completo o que vai suceder a continuación, deixarse levar sen máis pretensións por aquilo que vai sucedendo, sen tentar chegar a ningunha meta, coa única arela de desfrutar do que se amosa. Pero ademais dun simple divertimento, "Fingir" tamén reflexiona sobre o propio teatro, invadindo de novo o FIOT a metalinguaxe dramática: os ensaios, a construcción dunha historia, as deliberacións sobre o que funciona ou non funciona, o obxectivo de agradar ou non agradar a uns espectadores que son invisibles e que poden ser e actuar de moitas formas distintas, ao igual que os propios actores. Todo é un xogo continuo no que un pode descubrir que unha paliza pode ser dramática ou provocar a risa, que un asasinato pode ser cruel ou absurdo. Qué é a ficción? parece preguntarse Colectivo 96º. Probablemente é difícil transmitilo coma eles, con tal precisión e brevidade. O excelente sabor de boca de "Fingir" supón a fin do ciclo OTNI, que ten aglutinado tres das mellores propostas do FIOT, cada unha cun estilo diferente, pasando dun contacontos á experimentación, por Galicia, País Vasco e Cataluña para axitar un pouco a programación do festival. E tamén para demostrar que non fai falta poñer enriba do escenario un atrezzo espectacular, moitos intérpretes, unha sorprendente iluminación ou unha música expresiva para construír fantásticas propostas teatrais.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta