Saltar ao contido principal

O método Gronhölm - Talía Teatro

Imaxe promocional de "O método Gronhölm"
As estreas poden ser un agasallo envelenado.  A favor: a primeira función soe atraer a un público fiel e a moita xente invitada pola compañía, predisposta a mirar con bos ollos a proposta, a aplaudir e a xogar a favor do espectáculo. En contra: aínda falta rodaxe, complicidade e dominio do texto, das situacións e do ritmo da peza. Pero incluso tendo en conta os factores en contra, a segunda función do FIOT 2012, "O método Gronhölm" -levada ao Pazo da Cultura por Talía Teatro- non deixa de quedarse en boas intencións, sen render a xusta homenaxe a un texto xenial, cheo de mordacidade, ironía, risas, emoción, tensión dramática e sorpresas. Todos estes elementos adivíñanse,  grazas ao gran texto de Jordi Galcerán. Pero o público non chega a percibilos nin chega a entrar de cheo por completo, perdendo impacto incluso os sorprendentes xiros de guión, que están aí, pero que non explotan o suficiente. Suponse que "O método" liga situacións cómicas e dramáticas mantendo ao espectador na mesma ruleta rusa que os catro aspirantes a un posto de alto executivo nunha próspera multinacional. Pero a ruleta rusa é ficticia. Mentres que os momentos máis lixeiros poden encaixar, chegando a espertar as risas do público, cando o libreto torna ao serio non hai emoción, non hai empatía, non hai unha actuación crible. A tensión dramática non ten solución de continuidade, e os momentos más importantes, aqueles que farían que unha simple comedia con pretensións tivese a capacidade de converterse nunha proposta de profunda crítica social -como sen dúbida é a intención de Galcerán- fracasan. O estatismo tampouco contribúe a alixeirar a peza. Mentres un personaxe fala, a miúdo os outros tres convértense en meras figuras, nun hieratismo probablemente buscado polo director, pero que contribúe á lentitude e á falta de ritmo. E outra das eivas que arrastra "O método Gronhölm" é a disparidade actoral. Mentres que Toño Casais está fantástico no papel de "falso" fillo de puta -aínda que por xustiza tamén hai que dicir que é o papel máis atractivo para o espectador- Artur Trillo e María Ordóñez só seguen a súa estela de cando en cando, con algúns momentos intensos, pero intermitentes. E por último, Dani Trillo difumínase nunha das escenas máis intensas da obra, previa ao desenlace, que debería supoñer a conexión definitiva co público, pero que non o consegue. Ademais do texto e da actuación de Casais, no lado positivo da balanza tamén hai que situar a escenografía, cun decorado moderno, impersoal e moi coidado que serve perfectamente ao propósito da obra. E tamén é de supoñer que algunhas das cousas que caen no lado negativo, como o ritmo e a tensión dramática, irán mellorando co paso das funcións. Porén, polo de agora, quizabes o público querería no escenario a catro "fillos de puta" que pareceran bos actores, e non a catro bos actores intentando parecer "fillos de puta".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A función do tequila - Teatro do Morcego

Un momento da representación Excelente. Excelente libreto, excelente interpretación e excelente escenografía, que hai quen di que son as tres patas dun espectáculo teatral. E probablemente isto é todo o que hai que dicir sobre "A función do tequila", de Teatro do Morcego, unha proposta redonda que, na humilde opinión de quen subscribe, é o mellor do festival ata o momento -e tendo en conta que, afortunadamente, aínda falta moito FIOT por vivir-. Pero como sempre hai que manter o espírito crítico, cómpre facer certas puntualizacións, xa que de todos é sabido que a perfección non existe, ás veces nin como tendencia desexable. Os comezos da peza son dificultosos, xa que a historia é complicada e, de non sentarse os alicerces dende o comezo, sería difícil de seguir. Pero unha vez transcorridos os primeiros compases, "A función do tequila" consegue o que toda obra de teatro debería conseguir, ir de menos a máis, aumentando a tensión, a curiosidade do espectador e o s...

Hámster - Triatreros

David Novas e Alba Bermúdez, co director, Fran Paredes Cando no programa do FIOT aparece unha proposta na que a protagonista é unha actriz carballesa xorden varias dúbidas. Un podería pensar que, aínda que o espectáculo non cumprise coa calidade mínima esixida para un festival coma o FIOT, a organización incluiría a peza de todos os xeitos no programa para apoiar, neste caso, a Alba Bermúdez. De ter sido así, sería algo digno de gabar, xa que un dos propósitos dun escaparate tan importante coma o Outono de Teatro ten que ser apoiar as producións galegas e carballesas, así como os talentos locais. Sería perfectamente comprensible que un dos obxectivos do festival fose contribuír a apoiar o teatro feito en Carballo ou por xente da vila. Pero despois da función de "Hámster", o espectador sinte unha especie de alivio ao comprobar que a inclusión desta peza no ciclo OTNI está xustificada polos seus propios méritos. Non só encaixa nos parámetros deste Obxecto Teatral Non Ident...

"Eclipse total" - Pont Flotant

 "A vida mesma" Foto: Nerea Coll O noso paso por este mundo que xira e xira no espazo infinito sen parar nin un momento, como cantaban  Jimmy Fontana , Jesús e tantos outros, dura o que dura un soprido. Se a historia da humanidade se medira en quilómetros, serían máis ou menos os que hai desde Carballo a  Lyon , uns 1453, desde o  Big Bang  ata hoxe. E na lonxitude da cronoloxía das cousas, somos un centímetro, un milímetro, unha micra. Con esa premisa comeza o  Eclipse Total  de  Pont Flotant , con quen emprendemos unha viaxe absolutamente marabillosa. Na  reseña anterior  dicía que estaba constantemente na procura da transcendencia neste  FIOT . E, coma se me escoitaran, na organización dixeron: "non querías caldo, pois toma dúas cuncas". Pero vaia cuncas! Que felicidade ir ao teatro e sentir, emocionarse, meterse nunha historia da que non queres saír para acabar descubrindo que tampouco poderías, porque esa historia xa é a túa: a...