Saltar ao contido principal

Contra el viento del norte - Tantakka Teatroa

Un momento da representación

Expectación entre os fioteiros no comezo dos espectáculos de sala dunha nova edición do Outono de Teatro, a XXI, a da definitiva maioría de idade. As primeiras colas, os primeiros saúdos dos máis incondicionais, e unha boa función inaugural caracterizada por unha sólida aposta actoral e unha fantástica escenografía. Tantakka Teatroa recibiu o Premio do Público 2006 diante dun auditorio casi cheo, superando o obstáculo do sempiterno Barça-Madrid. E xusto despois a compañía vasca abriu o pano do FIOT 2012, neste caso de xeito literal. A escenografía impacta desde o primeiro momento, por sinxela, orixinal e axeitada a unha historia centrada no novo sistema de comunicación universal: Internet. Imaxes, música, mobiliario e teas conforman un universo único "unha burbulla propia", na que os protagonistas viven durante máis dun ano. Falando, soñando, pelexando, amando, odiando. Un mundo irreal pero que para Emmi e Leo é máis real que a súa propia vida, que os seus traballos, as súas parellas ou incluso os seus sentimentos. Navegan por mares da tranquilidade e por augas turbulentas con pasmosa facilidade, pasando de meros "inimigos" virtuais a crer que son moito máis para eles que eles mesmos. E todo iso é levado con maestría por un texto que fai máis que crible a relación destas dúas almas que están soas pero que viven e se relacionan en sociedade, como se non o estiveran. Pero, como en "Alicia a través do espello", os saltos da fantasía á realidade non sempre son posibles. E viceversa. A pesares dos guiños e das pegadas que vai deixando a obra, amosando a conexión cada vez máis intensa entre estas dúas persoas -unha botella de viño que se abre, un cigarrillo que se fuma, unha cremalleira que sobe-, o público percibe que non haberá final feliz. Non é posible. Non só pola abrupta irrupción dun terceiro personaxe que ten moito que dicir. Senón porque só unha das dúas partes está disposta a dar o salto á realidade. Achegándonos ao final, intuímos que as almas solitarias sempre serán iso. E que hai un motivo polo que o son. E que Internet facilita as formas de comunicación, pero non se converte en comunicación mesma. O virtual non pode, nin debe, substituír o real, o tanxible, a vida. Para transmitir esta mensaxe, os actores aceptan o desafío de manter o ritmo, quizabes o máis importante de toda aposta teatral. Cambian de humor e de rexistro segundo o require un libreto, que doutro xeito resultaría pesado. Porén, contra o final, e segundo se achega o climax, unha obra de teatro que mete ao público nunha película pola maestría visual e musical coa que se conta, perde forza. Desdibúllase un chisco a interpretación e o espectador queda con ganas de algo máis. Aínda que estes matices non enturbian un desenlace realista e contundente que , cando cae de novo o pano, transmite unha idea universal: "y los sueños, sueños son".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta